A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 40ª edición do Día da Bici, unha das citas lúdico-deportivas con maior tradición e participación popular da cidade, que se celebrará o domingo 20 de setembro, con saída ás 12.00 horas desde a Alameda.
Organizada pola Fundación ADO Moure Pro-Deporte, coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, esta edición terá un carácter especialmente conmemorativo ao cumprir catro décadas promovendo o uso da bicicleta, a convivencia familiar, os hábitos saudables e a mobilidade sostible. A organización estima unha participación de arredor de 4.500 persoas.
A proba desenvolverase sobre un percorrido urbano de 11 quilómetros, con saída e chegada na Alameda, atravesando diferentes puntos da cidade. A participación está aberta a persoas de todas as idades e condición física e a inscrición é gratuíta.
A celebración intégrase ademais na Semana Europea da Mobilidade, reforzando a aposta por formas de desprazamento máis activas e sostibles e pola sensibilización arredor da seguridade e do respecto ás persoas usuarias da bicicleta.
Con motivo desta edición especial, os primeiros 3.000 participantes recibirán unha mochila con avituallamento, camiseta e outras achegas, e entre todas as persoas participantes sortearanse bicicletas e diversos agasallos.

