– A presidenta da Deputación realizou unha visita institucional ao concello mariñán e visitou, xuntou ao alcalde, Darío Campos, o Centro de Atención a Maiores, cuxa obra se prevé retomar proximamente
– A mandataria percorreu estradas e camiños que están a ser mellorados pola Deputación e destacou a contribución provincial a outros servizos esenciais para a cidadanía como a axuda no fogar para as persoas maiores e as súas familias
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou este mércores A Pontenova e comprobou sobre o terreo diferentes actuacións que está a impulsar a institución provincial para a mellora de infraestruturas e a prestación de servizos á cidadanía, nas que esta administración está a investir máis de 2,7 millóns de euros.
Xunto ao alcalde do municipio, Darío Campos, a presidenta provincial visitou a obra do Centro de Atención a Maiores, que se reiniciará proximamente tras o parón que se produciu cando a empresa adxudicataria entrou en concurso de acredores. O edificio quedou aproximadamente ao 70% de execución.
A Deputación encargou un estudo técnico e económico segundo o cal os traballos que quedan por facer están valorados en 2.050.829 euros. En xullo, a institución deu os pasos administrativos necesarios para retomar a obra, encomendándolla á empresa pública Tragsa. Tamén iniciou o procedemento para reclamar danos e prexuízos á empresa adxudicataria inicial.
“Ante un problema sobrevido, o que fixemos foi buscar unha solución para que un proxecto fundamental para A Pontenova non quedase parado”, sinalou Carmela López, que destacou a importancia de contar con servizos públicos de atención ás persoas tamén nos concellos do rural.
Un centro con trinta prazas residenciais
O Centro de Atención a Maiores da Pontenova disporá dunhas 30 prazas residenciais. Deste xeito, a Deputación continúa aumentando a súa rede de centros asistencias na provincia, cos que trata de cubrir un servizo esencial para as familias ante a escaseza de prazas públicas que ofrece a Xunta, que é a administración competente nesta materia. O modelo da Deputación permite, ademais, que as persoas maiores poidan pasar a etapa final das súas vidas na súa contorna, circunstancia que o sistema autonómico non garante.
A Deputación ten en funcionamento neste momento nove centros e varios máis en distintas fases de proxecto e execución.
O apoio da Deputación aos concellos en materia de benestar social materialízase tamén a través das achegas que fai ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Trátase doutra prestación esencial para os maiores e para as súas familia que, no caso da Pontenova, é posible grazas aos 40.000 euros anuais que aporta a institución provincial.
Mellora das comunicacións locais e con outros concellos
A presidenta da Deputación aproveitou a visita á Pontenova para ver varias actuacións que a institución está a levar a cabo en materia de mobilidade, como a rehabilitación do firme da LU-P-4806, a estrada provincial que conecta Vilaxe, desde a N-640, con Ribeira de Piquín, ata a LU-751, por Galegos. A próxima reforma nesta vía será a renovación dun tramo de máis de cinco quilómetros, entre Vilargondurfe (A Pontenova) e Folgueirúa (en Riotorto), que xa está contratada cun investimento de 274.996,70 euros.
“Para unha Deputación que xestiona máis de 4.000 quilómetros de estradas provinciais, conservar a rede viaria é unha prioridade permanente, non unha actuación puntual”, valorou a Presidenta.
Carmela López e Darío Campos tamén percorreron os camiños e a senda peonil entre Boulloso e Herbelle, que se mellorarán proximamente con cargo ao Plan Deputación 2026, cunha achega de 200.288,43 euros, que supón o 95% do custo total da obra. Boulloso, ten unha dimensión turística importante, a Deputación investiu 300.000 euros na tirolina do complexo mineiro Consuelo-Boulloso, que ten potencial para combinar patrimonio, ocio e turismo.
Os mandatarios estiveron, así mesmo, en Conforto, onde a Deputación e o Concello teñen en marcha un proxecto para mellorar a mobilidade desta parroquia cun investimento total de 239.523,96 euros. A actuación, en fase de contratación, afecta a unha vía de titularidade municipal que conecta a LU-P-4809 coa ermida de San Antonio, dando servizo a vivendas e a un establecemento hostaleiro.
Firma no libro de ouro do Concello
A cita incluíu unha visita institucional á Casa do Concello, onde a presidenta asinou no libro de ouro municipal e recibiu de regalo un libro sobre a historia do ferrocarril e unha miniatura dos fornos da Pontenova. Ao finalizar, López remarcou ante os medios de comunicación que o compromiso do goberno provincial é “estar ao lado dos concellos, escoitar as súas necesidades e poñer os recursos da Deputación ao servizo das persoas, especialmente nun territorio rural no que garantir servizos e boas comunicacións é fundamental”, concluíu.
Dario Campos: “Hoxe é un día de alegría para a Pontenova”
O alcalde de A Pontenova agradeceu a visita da presidenta e puxo en valor a colaboración da institución provincial co municipio. “Neste momento, dependemos en boa medida da colaboración da Deputación para seguir mellorando os servizos que prestamos á veciñanza”, sinalou. Neste sentido, destacou especialmente o Plan Deputación, que distribúe os recursos entre os concellos con criterios obxectivos.
“Coñezo ben o que significa a Deputación e sei que detrás de cada actuación hai un enorme traballo. Quero agradecerlle á presidenta todo o esforzo que está facendo polo conxunto dos concellos da provincia. A Deputación é a casa de todos os concellos e temos que apoiarnos nela para seguir avanzando e mellorando os servizos que ofrecemos á veciñanza”, engadiu.
O rexedor quixo poñer o foco, ademais, no carácter especial da xornada: “Hoxe é un día de alegría para A Pontenova. Queremos desfrutar desta visita, poñer en valor a colaboración institucional da Deputación e agradecer todo o que a Deputación está facendo polo noso concello”.

