O presidente da Deputación, Luis Menor, salientou a relevancia social do Liceo como un espazo vivo, aberto á participación cidadán e fundamental para a vida de Ourense
Ratificou o compromiso do goberno provincial con esta entidade que se vén materializando desde o 2021 cun investimento de máis de 460.000 euros en achegas destinadas a melloras na sede a garantir a súa actividade diaria
O presidente da Deputación de Ourense reafirmou o compromiso da institución provincial co Liceo de Ourense no transcurso dunha visita ás súas instalacións, destacando o valor desta institución como unha das entidades máis emblemáticas da cultura ourensá. Nesa visita, o presidente ratificou o compromiso do goberno provincial con esta entidade que se vén materializando desde o 2021 cun investimento de máis de 460.000 euros en achegas destinadas a melloras da súa sede como ao respaldo da súa intensa axenda social e cultural.
Durante o percorrido, o presidente provincial puxo de manifesto a importancia de apoiar a unha institución que mantén intacta a súa vocación de servizo á cidadanía, consolidándose como un punto de encontro, diálogo e convivencia para miles de ourensáns. Neste sentido, Menor dixo que o Liceo representa un exemplo perfecto de como unha entidade histórica sabe proxectarse cara ao futuro permanecendo aberta e activa para toda a sociedade.
Un apoio económico constante para patrimonio e actividade
A colaboración financeira mantida nestes últimos anos permitiu destinar máis de 255.000 euros a actuacións de conservación, rehabilitación e mellora do inmoble, protexendo un espazo de referencia na cidade. Grazas a estes recursos, leváronse a cabo proxectos fundamentais como a rehabilitación do claustro da segunda planta —espazo habitual de exposicións—, o acondicionamento da Sala de Tertulia ou o mantemento da carpintería exterior.
A isto súmanse máis de 209.000 euros dirixidos a sufragar os gastos de funcionamento ordinario e a dinamización cultural, asegurando a estabilidade e continuidade do traballo que desenvolve a entidade ano a ano.
O presidente da Deputación aproveitou a visita para felicitar ao presidente da entidade e a súa Xunta Directiva e a todo o equipo humano do Liceo pola súa dedicación e xestión, que permiten manter esta “emblemática institución coma un referente vivo e imprescindible para Ourense”.

