- Os magos Yago Barral e Alex de las Heras ofreceron unha actuación especial para os nenos e nenas ingresados e os seus familiares
- Esta iniciativa de humanización, celebrada hoxe no hospital de día pediátrico do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, enmárcase na terceira edición do Festival de Maxia Abraioscopio, que acolle a cidade do Lérez desde hoxe ata o vindeiro domingo 20 de setembro
- Coa organización deste tipo de obradoiros e actividades, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén o seu compromiso coa humanización da asistencia sanitaria pediátrica, favorecendo espazos de lecer e benestar emocional dentro do eido hospitalario
O hospital de día de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra acolleu hoxe unha sesión especial de ilusionismo, que encheu de sorrisos e emoción tanto a profesionais coma a usuarios do servizo pediátrico do Complexo Hospitalario Universitario capitalino.
Esta actividade solidaria de humanización contou coa actuación dos magos Yago Barral e Alex de las Heras, quenes achegaron os seus trucos e xogos de maxia interactuando cos meniños ingresados e ás súas familias, facendo máis levadeira a súa estancia hospitalaria.
Humanización e lecer no eido sanitario
Esta cita lúdica desenvolveuse no marco da III edición do Festival de Maxia Abraioscopio, un evento impulsado polo propio mago pontevedrés Yago Barral que se celebra na cidade do Lérez entre hoxe, xoves 17 e o vindeiro domingo 20 de setembro, co obxectivo de levar a maxia máis aló dos escenarios convencionais e achegala a toda a cidadanía a través de diversas actividades lúdicas.
Coa organización deste tipo de obradoiros e actividades, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén o seu compromiso coa humanización da asistencia sanitaria pediátrica, favorecendo espazos de lecer e benestar emocional dentro do eido hospitalario.

