A alcaldesa Sandra Permuy e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron coa organización a montaxe dun dos festivais de referencia do calendario cultural municipal
O Concello apoia o festival cunha subvención nominativa de 11.000 euros, medios loxísticos e persoal municipal, e promove coa Deputación da Coruña o concerto de Tona na sesión vermú do sábado
O barrio de San Valentín prepárase para vivir desde esta noite unha nova edición do Fene Rock, unha das citas musicais máis consolidadas do municipio. A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, achegáronse nas últimas horas ao recinto para avaliar xunto coa organización o desenvolvemento da montaxe e ultimar a coordinación dos medios municipais necesarios para a celebración do festival.
O Concello de Fene mantén un ano máis unha estreita colaboración coa organización, tanto a través dunha subvención nominativa de 11.000 euros como do apoio loxístico necesario para facer posible un evento destas características. A implicación municipal inclúe a colaboración do persoal da área de servizos, medios materiais e tarefas de limpeza e acondicionamento do recinto antes, durante e despois da celebración.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou “o enorme traballo que hai detrás dun festival que leva o nome de Fene e que ano tras ano consegue atraer público de dentro e de fóra da comarca”. Neste sentido, agradeceu especialmente “o compromiso da organización e de todas as persoas que fan posible manter viva unha cita plenamente consolidada no noso calendario”.
Permuy incidiu tamén na importancia da colaboración entre o tecido asociativo e a administración local. “Desde o Concello queremos estar ao lado das entidades que son capaces de xerar propostas culturais de calidade, dinamizar Fene e atraer centos de persoas ao nosos concello. O Fene Rock é un magnífico exemplo do que se pode conseguir coa iniciativa social e co respaldo das institucións”, sinalou.
Música durante toda a fin de semana
A programación principal arrancará este venres con Window Pane (21.45 h), seguida de Aphinnic (23.05 h), Hamlet (00.30 h) e Abaixo Cu Sistema (02.20 h). A noite rematará coa actuación de DJ R4tibrón.
O sábado subirán ao escenario Nuada (21.30 h), El Drogas (23.00 h), CGPP (00.50 h) e Golfa (02.20 h), antes dun novo peche a cargo de DJ R4tibrón.
A actividade, porén, irá moito máis alá dos concertos nocturnos. O sábado celebrarase unha sesión vermú de acceso gratuíto, que comezará ás 12.30 horas coa actuación de Tona, o novo proxecto musical de Miguel Cernadas (Terbutalina). Este concerto está promovido polo Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña. A continuación, ás 14.00 horas, actuará MU2.
Xa pola tarde, a música sairá do recinto cun roteiro por Fene da charanga Galiza Sound Machine, contribuíndo a estender o ambiente do festival polas rúas e establecementos da vila antes de retomar a programación nocturna.
O Fene Rock continuará o domingo
A programación prolongarase tamén durante a mañá do domingo, cunha nova sesión vermú aberta ao público a partir das 12.30 horas, na que actuarán Los Tigres del Cañotas e Combos Rockschool. A xornada completarase cun xantar popular, poñendo o broche a tres días de música e convivencia arredor do Fene Rock.
Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas á música a participar nunha nova edición dun festival que contribúe á dinamización cultural e social de Fene e que conta cunha importante capacidade para atraer visitantes ao municipio durante toda a fin de semana.
As entradas para os concertos do festival están dispoñibles na web oficial do Fene Rock, fenerock.gal.

