Avante Ourense pide estudar a remunicipalización do SAF e confía en que os datos demostren as vantaxes da xestión pública

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’ Defendemos a xestión pública porque entendemos que cada euro destinado aos coidados debe reverter na atención ás persoas e nas condicións das traballadoras, non en xerar beneficio empresarial. O SAF é un servizo público esencial e queremos que o Concello estude seriamente recuperalo para a xestión directa.”

A formación solicita ao Concello un estudo técnico, económico e xurídico que compare o actual modelo coa xestión directa municipal Avante Ourense rexistrou no Concello un requirimento para coñecer en profundidade a situación actual do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e solicitar a elaboración dun estudo técnico, económico e xurídico sobre a viabilidade da súa remunicipalización.

A formación xa incluíu en Ourense Merece Máis a recuperación da xestión directa do SAF como unha das súas propostas en materia de servizos sociais. Agora reclama que o Concello poña os datos enriba da mesa e analice formalmente esta alternativa.
‘’Desde Avante Ourense defendemos a xestión pública e estamos convencidos de que, cando teñamos todos os datos e comparemos ambos modelos, poderemos demostrar que a xestión directa é unha alternativa mellor para o SAF de Ourense’’, sinala o coordinador da formación, Francisco Diéguez.

No requirimento, Avante solicita coñecer o número de persoas usuarias e en lista de espera, as horas concedidas e efectivamente prestadas, o persoal adscrito, o custo municipal e por hora, o financiamento doutras administracións, as reclamacións recibidas e a situación contractual actual do servizo.

Ademais, solicita aos servizos municipais un estudo que compare a prestación actual coa xestión directa en aspectos como os custos, as necesidades de persoal, as condicións laborais e a calidade asistencial, reclamando que as conclusións sexan posteriormente públicas.

Avante Ourense considera que a posible remunicipalización debe abordarse con planificación e garantías, asegurando en todo momento a continuidade e a calidade do servizo para as persoas usuarias.
‘’Non lle estamos pedindo ao Concello un acto de fe. Pedímoslle que faga as contas.
Se confrontamos os dous modelos con transparencia, confiamos en que os datos avalarán que un servizo esencial como o SAF pode estar mellor en mans públicas’’, conclúe Diéguez.

Comparte este artigo