A actuación permitirá incorporar 17.774 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes ao proxecto de renaturalización financiado con fondos europeos a través do Plan EDIL
A Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente o proxecto de expropiación dos terreos do ámbito SX-EL6, un paso decisivo para dispoñer do solo necesario para completar o gran corredor verde previsto polo PXOM na contorna do Rego da Balsa e seguir avanzando no proxecto de renaturalización incluído no Plan EDIL.
A actuación permitirá incorporar 17.774 metros cadrados destinados a espazos libres e zonas verdes. Estes terreos sumaranse ao ámbito SX-EL5, xa maioritariamente de titularidade municipal, co obxectivo de configurar unha gran área ambiental continua arredor do Rego da Balsa.
O Concello iniciara este proceso o pasado mes de febreiro coa aprobación inicial do proxecto de expropiación. No período de información pública presentáronse nove escritos de alegacións, que foron analizados polo equipo redactor e polos servizos técnicos municipais. A aprobación definitiva incorpora distintas modificacións derivadas da estimación total ou parcial dalgunhas delas, tanto na identificación das persoas titulares como na relación e valoración de determinados bens afectados. Estas modificacións obrigaron a incrementar a previsión económica inicial. O investimento previsto na aprobación inicial ascendía a 97.147,76 euros, mentres que o importe definitivo destinado aos prezos xustos dos bens e dereitos afectados queda fixado en 100.477,05 euros.
Proxecto de renaturalización
A dispoñibilidade destes terreos é fundamental para desenvolver o proxecto de renaturalización da zona urbana e creación de eixes verdes arredor do Rego da Balsa, unha das actuacións que xa conta con financiamento europeo a través do Plan EDIL.
A proposta global inclúe a creación dunha nova zona verde, a transformación do actual espazo de aparcamento do Centro Comercial Bergantiños, a conexión co corredor fluvial mediante novos itinerarios peonís e ciclistas e a reurbanización das rúas Ánxel Fole e Enrique Sánchez, co obxectivo de achegar os espazos verdes ao centro urbano.
A obtención do SX-EL6 permitirá así completar unha peza esencial desa rede verde e avanzar cara a unha maior continuidade ambiental e peonil entre o Rego da Balsa e o tecido urbano.

