O socialista defende recuperar dentro do servizo a capacidade para xestionar estas axudas con persoal municipal, poñendo en valor a experiencia, o coñecemento acumulado e a relación directa cos clubs
Bustos sinala que unha asistencia externa pode ter utilidade ante unha acumulación puntual de traballo, pero cuestiona que o Goberno optase por esta vía en lugar de recuperar capacidade propia en Deportes
“Un contrato externo pode servir para sacar traballo acumulado, pero non pode substituír unha estrutura propia. Se este é un parche puntual, veremos o seguinte paso; se pretenden convertelo nun modelo, non o compartimos”, afirmou Bustos
O concelleiro socialista e anterior responsable de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, propón que o Concello de Lugo recupere persoal especializado na área de Deportes para asumir de maneira estable a xestión das subvencións municipais, despois de que o Goberno local optase por contratar unha asistencia técnica externa para apoiar a tramitación destas axudas.
“Un contrato externo pode servir para sacar traballo acumulado, pero non pode substituír unha estrutura propia. Se este é un parche puntual, veremos o seguinte paso; se pretenden convertelo nun modelo, non o compartimos”, afirmou Bustos, quen defendeu a necesidade de manter dentro do Concello o coñecemento e a experiencia necesarios para xestionar estas convocatorias.
A xestión das subvencións deportivas realizábase desde o propio servizo de Deportes, con persoal municipal que acumulaba experiencia nas diferentes convocatorias e coñecía directamente o funcionamento das entidades, os seus calendarios e as particularidades das distintas disciplinas. Tras a marcha da persoa funcionaria que viña asumindo estas funcións, xa co actual Goberno, a área quedou sen persoal especializado nesta materia.
Fronte a esta situación, o Concello adxudicou o pasado 15 de setembro un contrato menor por 18.148,79 euros para prestar un servizo de asistencia técnica para a xestión documental das subvencións da Concellería de Deportes.
Para Bustos, unha asistencia externa pode ter utilidade para sacar adiante a acumulación actual de expedientes, pero a cuestión é que sucederá cando remate ese contrato. “As subvencións van seguir aí e os clubs tamén. O Concello necesita persoal propio que acumule experiencia dunha convocatoria para a seguinte e que sexa unha referencia estable para as entidades deportivas”, explicou.
Poñer en valor o persoal da casa
O socialista incidiu especialmente no valor do coñecemento acumulado polo persoal municipal. O Concello traballa cun tecido deportivo amplo e moi diverso, no que conviven clubs e deportistas de modalidades colectivas e individuais, con calendarios e necesidades diferentes.
“Xestionar estas axudas non é simplemente mover documentación. É coñecer os clubs, saber como funcionan as súas tempadas, entender as particularidades de cada modalidade e detectar os problemas que se repiten convocatoria tras convocatoria. Ese coñecemento ten valor e interesa que quede dentro do Concello”, sinalou Bustos.
Por iso, o edil socialista propón recuperar persoal cualificado para estas funcións e evitar que as asistencias externas acaben converténdose nunha fórmula habitual para cubrir unha necesidade permanente do servizo.
Bustos lembrou, ademais, que en agosto o Goberno local atribuíu os atrasos das subvencións á “mala xestión administrativa” do anterior Executivo. Apenas unhas semanas despois, o propio Goberno considerou preciso contratar por máis de 18.000 euros unha asistencia externa para apoiar a súa xestión documental.
“En agosto era moi fácil reducir todo a unha suposta mala xestión. Agora os feitos amosan que detrás destas convocatorias hai unha carga administrativa importante e que fan falta medios para afrontala. O que non tería sentido é perder capacidade dentro do Concello e acabar substituíndoa pouco a pouco por contratos externos”, afirmou.
Bustos insistiu en que o debate non está en cuestionar que un apoio externo poida contribuír a sacar traballo acumulado, senón en decidir que modelo quere o Concello para os próximos anos.
“O apoio externo pode ser un recurso puntual, pero non a resposta permanente. Deportes necesita persoal propio, coñecemento dentro da casa e unha relación estable cos clubs. O parche de hoxe non pode acabar converténdose no modelo de mañá”, concluíu.

