O Concello de Ribeira organiza as IV Xornadas “Muller e Saúde”, que nesta edición estarán dedicadas á “Nutrición e Saúde das Mulleres”. A iniciativa ten como obxectivo promover hábitos alimentarios saudables e achegar información e ferramentas prácticas que contribúan a mellorar a saúde e a calidade de vida das mulleres ao longo das distintas etapas da súa vida.
O programa estará formado por catro sesións formativas, cun enfoque científico e accesible, nas que se abordarán cuestións relacionadas coa alimentación saudable e a prevención de enfermidades, as necesidades nutricionais nas diferentes etapas do ciclo vital das mulleres, a actividade física e os beneficios do exercicio para a saúde.
Tamén se ofrecerán ferramentas prácticas para mellorar os hábitos alimentarios, comprender as necesidades específicas de cada etapa da vida e incorporar pautas saudables no día a día.
As xornadas permitirán igualmente reflexionar sobre a relación coa comida e a prevención dos trastornos da conduta alimentaria, afondando en cuestións como a fame emocional, as falsas crenzas sobre alimentación e a influencia dos medios de comunicación e das redes sociais. Con esta proposta, o Concello busca favorecer unha visión integral da saúde das mulleres e proporcionar información fiable e recursos prácticos que contribúan ao seu benestar e ao desenvolvemento de hábitos de vida saudables.
A alcaldesa, María Sampedro, destacou que “desde o Concello queremos seguir impulsando iniciativas que poñan a saúde e o benestar das mulleres no centro. Estas xornadas son unha oportunidade para achegar información útil, compartir experiencias e fomentar hábitos saudables”.
As IV Xornadas “Muller e Saúde” celebraranse os días 9, 16, 23 e 30 de outubro, en horario de 17.00 a 20.00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Lustres Rivas.
As persoas interesadas poderán realizar a inscrición a través da Escola Galega de Saúde. Para máis información, poden contactar no teléfono 679 306 188 ou no correo electrónico ribeiradinonvx@ribeira.gal.

