Os socialistas advirten de que a cidadanía descoñece boa parte da programación máis alá dos concertos anunciados e reclaman que se publique de inmediato o calendario completo das actividades
O Grupo Municipal Socialista denuncia que os carteis non están difundidos, que a web oficial do evento continúa inactiva e que non se están cumprindo as obrigas contractuais de promoción nas redes sociais
“É a peor xestión das festas do século XXI: Candia esixía na oposición planificación e información e agora, desde o Goberno, ofrece improvisación, silencio e unha promoción absolutamente insuficiente”
O Grupo Municipal Socialista censura que, a dez días do inicio do San Froilán, o Goberno de Elena Candia continúe sen presentar publicamente o programa completo das festas patronais de Lugo, impedindo que a cidadanía e as persoas que visitan a cidade poidan coñecer con antelación o conxunto das actividades previstas para os días de celebración.
Os socialistas consideran especialmente grave que, a estas alturas, a información dispoñible se limite fundamentalmente aos concertos que foron anunciados nas últimas semanas, mentres continúa sen darse a coñecer de maneira estruturada a programación completa do San Froilán. “Estamos falando da máxima expresión da tradición e da cultura lucense. A dez días do seu comezo, a cidadanía debería coñecer xa que actividades, espectáculos e propostas se van desenvolver e poder organizarse con tempo”, sinalan.
O Grupo Municipal Socialista denuncia tamén a escasa presenza dos carteis do San Froilán nas rúas da cidade, que continúna sen pegarse, unha circunstancia que consideran especialmente preocupante cando queda tan pouco tempo para o inicio das festas. “A promoción dunha celebración destas características necesita planificación. O San Froilán ten que estar presente nas rúas, nos barrios, nos equipamentos municipais e nos espazos de maior afluencia da cidade”, apuntan.
A esta situación engádese, segundo os socialistas, o incumprimento das obrigas de promoción previstas nas cláusulas contractuais vinculadas á difusión do evento a través das redes sociais. Estas condicións establecen, segundo sinala o Grupo Municipal Socialista, dúas publicacións diarias nos días previos ao inicio das festas e desde a primeira fin de semana de septembro, unha intensidade de promoción que non se está producindo.
“Se o propio Concello establece nun contrato unhas obrigas concretas de promoción, ten que asegurarse de que se cumpren. Non se pode contratar a difusión das festas e despois permitir que as condicións previstas queden sen executar”, denuncian.
Outro dos elementos que evidencia a deficiente planificación é que a páxina web oficial do San Froilán continúa sen estar activa, privando tanto á veciñanza como aos visitantes dun punto centralizado de información sobre horarios, actividades, localizacións e novidades da programación.
Para o Grupo Municipal Socialista, o conxunto destas circunstancias revela unha campaña de promoción “deficiente a todas luces e impropia do Concello de Lugo e das nosas festas como máxima expresión da cultura e identidade lucense”. “Non estamos falando dun detalle menor nin dunha cuestión estética. A promoción forma parte da propia organización das festas e ten consecuencias directas na participación da cidadanía, na actividade comercial e hostaleira e na capacidade de Lugo para atraer visitantes”, sinalan.
Os socialistas lembran ademais que esta situación contrasta coa posición mantida por Candia cando estaba na oposición, cando reclamaba ao Goberno municipal planificación, anticipación e información sobre a organización das festas. “Resulta especialmente indignante comprobar como quen desde a oposición esixía continuamente anticipación e transparencia é agora incapaz de presentar o programa do San Froilán cando faltan apenas dez días para o seu inicio”, denuncian.
O Grupo Municipal Socialista considera que Lugo merece unha organización das súas festas patronais á altura da importancia que teñen para a cidade. “O San Froilán non é unha celebración máis. É unha parte fundamental da identidade de Lugo, da súa cultura, da súa actividade económica e da súa proxección exterior. Merece planificación, promoción e respecto pola cidadanía”, afirman.
Finalmente, o PSOE reclama ao Goberno de Candia que publique inmediatamente o programa completo, active a web oficial, intensifique a presenza dos carteis nas rúas e garanta o cumprimento das obrigas contractuais de promoción nas redes sociais. “A estas alturas xa non valen escusas. O que Lugo está vendo é unha falta de planificación e de capacidade de xestión impropia das festas máis importantes da cidade. É, con diferenza, a peor xestión do San Froilán no que levamos de século XXI, e a responsabilidade é exclusivamente do Goberno que hoxe dirixe o Concello”, conclúen os socialistas.

