O goberno municipal traslada aos mariscadores de Baldaio os acordos da comisión técnica de seguimento

Redacción

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, reuníronse hoxe cos mariscadores de Baldaio para explicarlles os acordos adoptados na comisión técnica de seguimento da lagoa, celebrada onte en Santiago de Compostela a petición do Concello.

O principal avance da xuntanza foi o compromiso da Xunta de elaborar un borrador de protocolo que defina quen debe actuar, cando e como ante posibles novos peches da canle que comunica a lagoa co mar. Na reunión expúxose a posibilidade de establecer un sistema rotatorio entre administracións, que deberá concretarse nese documento.

O alcalde e o concelleiro tamén informaron os mariscadores de que se propuxo a elaboración dun estudo da dinámica litoral por parte de Costas do Estado como primeiro paso para definir unha solución estable. Aínda non se fixaron prazos para ese traballo.

Daniel Pérez destacou a importancia de manter informado o sector marisqueiro e de contar coa súa perspectiva no seguimento de Baldaio. «O marisqueo depende de que se manteña o intercambio de auga entre a lagoa e o mar. Por iso é fundamental que, se a canle volve pechar, todas as administracións saibamos como actuar e poder facelo con rapidez», sinalou.

Comparte este artigo