A representación das 17.00 horas estará aberta ao público xeral, con entrada libre ata completar a capacidade
Carballo acollerá mañá venres a estrea en Galicia de La medición de un sueño, un musical de zarzuela científica creado por La CosmoZarza que combina ciencia, música e teatro. O espectáculo representarase en dúas funcións no auditorio do Pazo da Cultura: unha ás 12.00 horas, dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, e outra ás 17.00 horas, aberta ao público xeral.
A segunda función substitúe o taller Zarzuela en construción, previsto inicialmente no programa. A decisión de ofrecer unha nova representación responde ao interese amosado por numerosas persoas en asistir ao espectáculo, que se poderá ver por primeira vez en Galicia dentro da programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras.
Na función das 12.00 horas participará alumnado dos IES Isidro Parga Pondal e Alfredo Brañas e do CPR Artai. Ás 17.00 horas, o público terá unha nova oportunidade para gozar desta singular combinación de divulgación científica e artes escénicas. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.
O musical, de 45 minutos de duración, parte da traxectoria da física Alicia Sintes, que pasou de ser a primeira universitaria da súa familia a converterse nunha referente mundial no estudo dos buratos negros, a relatividade e a detección de ondas gravitacionais.
A obra presenta tamén a historia de Pedro, un discípulo que teme que a instalación dun gran observatorio astronómico poña en perigo a súa vila natal, ao tempo que lle ofrece a posibilidade de desenvolver unha carreira científica sen ter que marchar. A partir deste conflito, o espectáculo aborda a aventura de investigar, o impacto dos grandes proxectos científicos sobre o territorio e a necesidade de achegar a ciencia á sociedade.
La medición de un sueño é unha proposta de La CosmoZarza, un equipo comprometido cunha divulgación científica capaz de inspirar a toda a mocidade, especialmente a quen se sente máis afastada da ciencia. A acción está auspiciada por Apadrina la Ciencia e pola Universidade Carlos III de Madrid (UC3M).
As dúas funcións forman parte da Noite Europea das Persoas Investigadoras e do proxecto TALK0, financiado pola Unión Europea.

