O BNG esixe á Xunta que rectifique de inmediato o recorte dunha docente de apoio na EEI Vila Laura de Vigo

Redacción

A fronte nacionalista trasladou este xoves o apoio ás demandas da comunidade educativa nunha xuntanza con representantes da ANPA Magnolia

A deputada Alexandra Fernández acusa o Goberno galego de “mentir” ás familias tras comprometer a recuperación desta docente “para dicir agora que non a precisan”

Xabier P. Igrexas: “É un exemplo máis da política de deliberado desmantelamento do ensino público por parte do PP”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que rectifique de inmediato o recorte dunha docente de apoio na Escola de Educación Infantil Vila Laura de Vigo. Así o reclamaron publicamente a deputada nacionalista, Alexandra Fernández, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois de manter este xoves un encontro con representantes da ANPA Magnolia, a quen lle trasladaron o apoio ás súas demandas.

Dende o Bloque acusaron o Goberno de Rueda de “mentir” ás familias despois de comprometer de forma verbal, o pasado 15 de setembro, que recuperarían unha terceira docente de apoio, necesaria para atender as dez aulas deste centro público. Unha promesa que, uns días despois, foi negada pola propia Consellaría de Educación alegando que contan con persoal suficiente, segundo a información recibida pola comunidade educativa.

Fernández criticou ademais que a primeira intención da Xunta, tras as protestas, fose cubrir este recorte con profesionais do propio centro destinados á atención de alumnado con necesidades educativas, desatendendo estas funcións. “Están xogando coas familias e cos dereitos dos nenos e nenas”, lamentou a deputada do BNG, quen rexistrou iniciativas no Parlamento galego para urxir esta rectificación.

Política de desmantelamento do ensino público

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que este recorte “inxusto e arbitrario” representa un exemplo máis da “política de deliberado desmantelamento do ensino público” por parte da Xunta do PP. Unha decisión que, advertiu, pretende empurrar a cada vez máis familias cara á oferta privada-concertada a base de recortar e precarizar os centros públicos.

Igrexas tachou de “intolerábel” que a Consellaría de Educación enganase ás familias para agora “de maneira infame” negar a recuperación da docente de apoio comprometida. Por este motivo, avanzou tamén iniciativas no Concello de Vigo para demandar que se reverta o recorte e garantir un ensino público de calidade e a debida atención ás necesidades específicas no ámbito educativo.

Comparte este artigo