SEAGA inicia en Tui a limpeza subsidiaria de parcelas por incumprimento da xestión de biomasa

Redacción

As brigadas comezaron os traballos en Randufe e continuarán por todas as parroquias

O Concello de Tui informa que a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A., SEAGA, ven de iniciar no termo municipal as actuacións de xestión de biomasa e a retirada de especies arbóreas prohibidas naquelas parcelas incluídas na resolución da orde de execución subsidiaria do pasado 13 de marzo de 2026. Estas intervencións realízanse de xeito subsidiario tras constatarse o incumprimento das obrigas de limpeza por parte das persoas propietarias das fincas.

As brigadas comezaron os traballos na parroquia de Randufe, coa tala das especies arbóreas prohibidas como eucaliptos, piñeiros, acacias, mimosas, etc., e irán actuando de xeito progresivo nas demais parroquias e parcelas afectadas do termo municipal.

Os traballos teñen como obxectivo prioritario garantir a prevención de incendios forestais e asegurar a protección dos núcleos de poboación e as vivendas, dando cumprimento á regulación das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

Cómpre lembrar as persoas propietarias de parcelas incluídas na rede secundaria de faixas teñen a obriga de mantelas limpas de biomasa e de especies arbóreas prohibidas nunha distancia de 50 metros dende o límite do solo urbano, de núcleo rural, urbanizable e vivendas illadas, co fin de actuar como barreira de protección ante o lume.

No Departamento de Medio Ambiente na casa do Concello de Tui ou no enderezo https://mapas.xunta.gal/visores/faixas. pódese consultar se unha parcela está incluída dentro da faixa secundaria de xestión da biomasa.

Comparte este artigo