A enfermeira de admisión do CHUP pontevedrés Ana Muñoz Ortiz de Arce recibiu en A Lama a Medalla de Bronce ao Mérito Peninteciario

Redacción
  • –      A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias recoñeceu a esta profesional do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés a súa implicación na coordinación asistencial entre o centro penitenciario e os servizos hospitalarios da área de saúde
  • –      A entrega desta condecoración desenvolveuse no penal de A Lama con motivo da festividade da Nosa Señora da Merced en presencia de diversas autoridades

A enfermeira do servizo de Admisión do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Ana Muñoz Ortiz de Arce, recibiu hoxe en A Lama a Medalla de Bronce ao Mérito Penitenciario. Dita distinción, concedida pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior, recoñece a súa destacada labor e especial implicación na coordinación da atención sanitaria especializada para a poboación reclusa do centro penitenciario de A Lama.

O acto institucional de entrega das condecoracións celebrouse a mediodía nas dependencias do penal pontevedrés, no marco dos actos conmemorativos da festividade da Nosa Señora da Merced, patroa da institución penitenciaria. A cita estivo presidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a directora do centro penitenciario, Teresa Delgado e contou coa asistencia do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, quen estivo acompañado doutros directivos e responsables sanitarios do CHUP pontevedrés.

Excelencia na coordinación asistencial

Na súa misiva á Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a dirección do centro penitenciario de A Lama sinalou que a Secretaría Xeral de Institucións Penais recoñece a esta enfermeira do servizo de Admisión do Complexo Hospitalario Universitario capitalino coa Medalla de Bronce ao Mérito Penitenciario pola súa especial implicación na coordinación interinstitucional y asistencial, impulsando a implementación da Telemedicina e facilitando o seu acceso á poboación reclusa.

Un recoñecemento que tamén pon en valor o traballo continuado e a estreita cooperación desenvolvida por Ana Muñoz Ortiz de Arce entre os servizos sanitarios do centro penitenciario lamense e a rede asistencial hospitalaria do Servizo Galego de Saúde na área sanitaria para garantir unha axeitada axilidade, continuidade asistencial e calidade na atención especializada aos pacientes procedentes da institución penitenciaria.

Coa concesión desta medalla, a Dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés felicita publicamente a esta profesional do servizo de Admisión do CHUP pontevedrés e suma o seu agradecemento ao compromiso cotián dos traballadores coa excelencia na xestión pública e na atención sanitaria integral á poboación.

Comparte este artigo