- Esta acción, que se desenvolverá nun período de 9 meses, está dirixida a alumnado da Universidade de Santiago de Compostela que residan en vivendas compartidas e a previsión é chegar a arredor de 1.000 estudantes e unhas 250 vivendas
- Ao longo do curso, cada vivenda inscrita irá superando retos mensuais, para o que contará cun kit de separación de residuos e con contidos formativos pensados para resolver, de forma práctica e sinxela, moitas das dúbidas habituais sobre reciclaxe
- Os pisos con maior implicación optarán a diferentes premios, entre os que destacan abonos para un dos grandes festivais do verán 2027, e poderán converterse en embaixadores ambientais do programa
A Xunta de Galicia presentou hoxe EcoCompañeir@s, un programa pioneiro posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para promover a correcta xestión de residuos entre universitarios con vivenda compartida.
Durante a presentación da iniciativa esta mañá, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, subliñou que o obxectivo é concienciar ao alumnado universitario sobre a necesidade de adoptar hábitos sobre a separación do lixo que contribúan a avanzar cara a un modelo de economía circular que prolongue a vida útil dos produtos. O obxectivo, engadiu, é trasladar a reciclaxe e a economía circular ao día a día do estudantado seleccionado mediante a promoción de hábitos prácticos, sinxelos e rutineiros vinculados á correcta separación dos residuos dentro das súas propias vivendas.
A iniciativa céntrase de forma concreta na mocidade universitaria que comparte vivenda por tratarse dun colectivo de especial relevancia xa que se atopa nun momento vital de adquisición de hábitos propios de convivencia e consumo, ademais de ter un elevado potencial de continuidade.
En concreto, esta acción, que se desenvolverá nun período de 9 meses, está dirixida a alumnado da Universidade de Santiago de Compostela que resida en vivendas compartidas. A directora xeral explicou que a previsión é chegar a arredor de 1.000 estudantes e unhas 250 vivendas. Toda a información e o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web www.ecocompaneiros.gal.
María José Echevarría explicou que, ao longo do curso, cada vivenda inscrita irá superando retos mensuais de separación e redución de residuos, sumando puntos e avanzando nun ranking público no que participarán os 250 pisos adheridos. Os estudantes contarán ademais cun kit para facilitar a separación nas súas vivendas e con contidos formativos pensados para resolver, de forma práctica e próxima, moitas das dúbidas habituais sobre reciclaxe. Así mesmo, a iniciativa tamén se poderá seguir a través das redes sociais Instagram e TikTok, onde se irán publicando os avances do ranking, os retos de cada mes e o día a día de cada vivenda participante.
Aposta pola sensibilización
Con esta actuación, a Xunta aposta por un modelo de sensibilización máis próximo, práctico e participativo, orientado a xerar cambios reais de comportamento e a converter á mocidade nun axente activo da transición cara a unha Galicia circular e sostible. Así, esta experiencia pioneira permitirá obter coñecemento práctico sobre novas fórmulas de intervención en materia de sensibilización ambiental, avaliando a posible aplicación a futuro noutros colectivos e ámbitos territoriais da Comunidade.
Esta medida súmase a outras impulsadas polo Goberno galego para lograr unha maior implicación cidadá á hora de reducir a produción de refugallos, mellorar o seu tratamento e xestión ou darlles unha segunda vida a través da preparación para a reutilización.

