O programa Fórmate na Empresa culmina en Mos tras facilitar formación, experiencia profesional e a inserción laboral de 7 mozos e mozas

Redacción

O Concello de Mos acolleu esta mañá o acto de clausura da terceira edición do programa Fórmate na Empresa, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e desenvolvida pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), que permitiu mellorar a empregabilidade de 15 persoas mozas menores de 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil mediante un itinerario que combinou formación especializada e prácticas en contornos reais de traballo.

O acto contou coa participación da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e do presidente de AEMOS, Manuel Castro, acompañados por representantes das empresas colaboradoras e das persoas participantes nesta edición.

Esta terceira edición do programa pecha cun balance especialmente positivo, xa que 7 dos 15 participantes conseguiron a súa inserción laboral tras o seu paso polo proxecto, confirmando a eficacia dun modelo que combina a capacitación profesional co contacto directo co

tecido empresarial.

Ao longo dos últimos meses, os participantes tiveron a oportunidade de adquirir competencias técnicas e transversais, así como coñecer de primeira man a realidade laboral de sectores estratéxicos da economía galega grazas á implicación de 14 empresas colaboradoras, que abriron as súas portas para acoller o alumnado en prácticas.

Os sectores representados nesta edición abrangueron actividades vinculadas ao ámbito metalmecánico, as Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), a biotecnoloxía, o sector naval e os servizos orientados á calidade de vida e ao benestar, ámbitos cunha crecente demanda de talento e importantes oportunidades de emprego.

Participaron como empresas colaboradoras entidades como Tecnomicra, Panelfa, WDixital, TYM Ganain, Fundación Integra, Rodicut, Folerpa, Grupo Zendal, Global Concept, Frets Vigo, Tecnomecánica Elcomp e Tormega, entre outras, contribuíndo de maneira decisiva á formación práctica e á integración laboral dos participantes.

Durante o acto de clausura realizarase un balance dos resultados acadados e porase en valor a colaboración entre administracións públicas e empresas como unha ferramenta fundamental para favorecer a incorporación da mocidade ao mercado laboral.

Desde AEMOS destacan a excelente resposta das empresas participantes ao longo das tres edicións realizadas ata o momento; 37 acolleron a un total de 47 xóvenes menores de 30 anos, dos que 21 rapaces conseguiron insertarse no mercado laboral tras a realización das prácticas.

A entidade empresarial subliña que Fórmate na Empresa se está consolidando como una das mellores ferramentas de inserción laboral para a mocidade que decide iniciar a súa vida profesional nas empresas da contorna, facilitando unha transición efectiva entre a formación e o emprego.

Pola súa banda, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso co impulso de iniciativas orientadas á creación de oportunidades laborais, á retención do talento novo e á mellora da cualificación profesional da mocidade.

Os resultados acadados nesta edición contribúen a consolidar o programa como un referente na conexión entre as necesidades de persoal cualificado das empresas e o potencial das novas xeracións, favorecendo a creación de emprego e o desenvolvemento económico do territorio.

O acto concluirá cun espazo de encontro entre participantes, empresas e representantes institucionais, reforzando os vínculos creados durante o programa e abrindo novas oportunidades de colaboración e futuro profesional para a mocidade participante.

Comparte este artigo