Ponteareas celebra o talento e o compromiso local na segunda edición dos Premios Menina Sarmiento

Redacción

•       O goberno de Ponteareas desvela a lista de galardoados que recibirán a súa distinción pública este sábado no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo ás 20:00 horas

•           A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacan o orgullo local e a importancia de premiar o esforzo de colectivos e veciños que fan crecer ao municipio.

O Auditorio Municipal Reveriano Soutullo vestirase de gala este sábado, 26 de setembro, ás 20.00 horas, para acoller a gran Gala dos Premios Menina Sarmiento – Persoas Ponteareás Distinguidas 2026. A través destes galardóns, o goberno de Ponteareas renderá homenaxe pública ás persoas, entidades e colectivos cuxo traballo, talento e compromiso diario contribúen de xeito decisivo ao progreso, benestar e identidade do municipio.

A denominación destes premios honra a memoria de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, a nova ponteareá inmortalizada polo pintor Diego Velázquez no seu soado cadro As Meninas, converténdose así nun símbolo do patrimonio histórico e cultural do municipio. Durante o evento, os distinguidos deste ano recibirán un diploma acreditativo e unha peza conmemorativa exclusiva.

Tras a deliberación do xurado, o Concello fixo oficial a lista dos Premios Menina Sarmiento – Persoas Ponteareás Distinguidas 2026, que este ano destaca o mérito da Sociedade Deportiva Xuvenil de Ponteareas en Deportes, a Asociación Adapta en Compromiso Social, Ainoa Posada Altolaguirre (ciclista de Pump Track) como Nova Promesa, Mónica Carrera Mouriño en Educación, Ciencias e Investigación, Bopapel, S.L. en Empresa e Innovación, os Obradoiros de Gaitas de Ponteareas en Cultura (Gaitas Gil e Jesús Represas), Pablo Martín Fernández Suárez en Inclusión, Eleuterio “Terio” Carrera Amil na categoría de Embaixada de Ponteareas, e os Irmáns Barcia Boente (José, Benito e Xeneroso Barcia Boente) en Emigración/Aveciñamento. Así mesmo, a administración local outorgará unha Mención especial e extraordinaria a D. Nemesio Boente Tenda, como un merecido recoñecemento honorífico á súa intachable dedicación, compromiso e contribución no ámbito sanitario.

O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, puxo en valor o arraigamento destas distincións: “A Gala dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns/as Distinguidos/as 2026 non é só un acto institucional, senón a gran festa da nosa identidade. Queremos que o Auditorio sexa o escenario onde conflúan a cultura, o tecido social, a empresa e a educación de Ponteareas, demostrando o enorme potencial humano que atesouramos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o profundo significado social desta convocatoria, sinalando que “estes premios nacen do corazón de Ponteareas para recoñecer a quen fai un concello mellor día a día. É unha honra e un deber institucional devolver de forma pública o cariño, o esforzo e a dedicación de todos os premiados, que son o verdadeiro motor e o orgullo da nosa vila”.

O goberno local invita formalmente a todos os veciños, colectivos, asociacións e medios de comunicación a asistir e participar neste emotivo acto de recoñecemento á historia viva de Ponteareas. O acceso ao auditorio será completamente libre ata completar a capacidade dispoñible.

Comparte este artigo