Recta final da programación do Setembro Xudeu en Tui con novas actividades esta fin de semana que promoven o coñecemento do amplo legado que as comunidades xudías e sefardís manteñen na nosa cidade.
Así este sábado 26 ás 11.30 h, na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, comezará a visita guiada pola ruta xudía no conxunto histórico tudense. Este itinerario estará cargo da guía Sara Quintana, que posúe unha dilatada experiencia nas visitas ao conxunto histórico tudense e que tamén está acreditada pola Red de Juderías de España como guía Rasgo, que certifica a súa formación sobre a herdanza xudía.
Esta ruta permitirá ás persoas asistentes coñecer o patrimonio xudeu e criptoxudeu da cidade de Tui e descubrir as pegadas do seu legado, que en moitos casos non está visible para os visitantes, ofrecendo unha experiencia de achegamento a esta faceta do patrimonio cultural tudense.
Ao día seguinte, este domingo 27, ás 11.30 h comezará tamén na Oficina de Turismo a visita teatralizada ao patrimonio xudeu tudense. Contará en tres momentos coa presenza de personaxes vinculados á presenza dunha comunidade xudía no Tui medieval noutras tantas localizacións do conxunto histórico tudense. Deste xeito as e os participantes poderanse achegar ao coñecemento deste legado histórico e cultural a través destas escenas teatralizadas vinculadas á temática deste ano 2026 das Xornadas Europeas do Patrimonio Xudeu que están centradas no tema do “amor”, un valor que constitúe un elemento esencial na tradición e na vida xudía.
Xa o domingo ás 20 h na igrexa de San Domingos o programa do Setembro Xudeu contempla un concerto do dúo “Luparias”. Trátase dunha formación musical especializada na interpretación de música medieval e sefardí, que busca achegar ao público os ecos sonoros do patrimonio literario e histórico, recuperando e achegando ao presente pezas conectadas coas cantigas galego-portuguesas e coa tradición xudeu-española. A entrada será libre.
Pechando o programa a derradeira das actividades terá lugar o próximo martes 29, ás 20 h na igrexa de San Domingos, cunha conferencia de Wanda Teplitsky co título “Vida judía en Galicia: patrimonio y legado”.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, afirma que “temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio ligado as comunidades xudías e criptoxudías tudenses”. Cómpre lembrar que Tui é a única localidade da provincia de Pontevedra integrada na Red de Juderías de España e que forma parte de “Itinerario cultural europeo do patrimonio xudeu”.
Lembra a concelleira que Tui conta coa “Ruta xudía” sinalizada e a través de turismotui.mobi que permite seguir este itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais. Amais está dispoñible na Oficina de Turismo e na web do Concello o folleto para una visita familiar denominada “O tesouro de Salomón” con versión en galego e castelán que propón un percorrido polos lugares e patrimoniais de interese e pola memoria destas comunidades sefardís tudenses seguindo diversas pistas.

