O Concello de Mos celebrou hoxe no Pazo de Mos unha nova reunión da Mesa Local de Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa, Nidia Arévalo, dentro da programación municipal con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A reunión serviu para compartir o traballo desenvolvido ao longo deste ano polo Centro de Información á Muller (CIM), presentar os datos de atención e asesoramento e poñer en común as actuacións dos distintos servizos e colectivos que traballan na prevención, detección e atención da violencia de xénero.
Entre as persoas asistentes estiveron María José Rodríguez, xefa da Unidade de Violencia sobre a Mujer na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Paula Bouzós, deputada provincial; a directora do CIM de Mos, Ana Rodríguez Cabaleiro, así como os representantes municipais Leo Costas, Sara Cebreiro e Julia Loureiro. Tamén participaron representantes da Policía Local, Garda Civil, Emerxencias, Equipo Muller e Menor (EMUME) de Pontevedra, CIM de Mos, equipo de Atención Temperá de Mos, IES de Mos, Servizos Sociais, educadora social, EVD Galicia, Centro de Saúde e Centro de Crise de Vigo.
Durante o encontro deuse conta dos datos de actividade do CIM do último ano, que rexistrou un total de 145 persoas atendidas. Ademais, rexistráronse un total de 505 consultas. Estas intervencións distribuíronse en tres ámbitos: 346 atencións psicolóxicas, 141 asesoramentos xurídicos e 18 atencións específicas en materia de violencia de xénero.
Os datos tamén permiten coñecer a procedencia das persoas atendidas. A maior parte son veciñas de Mos, 97, seguidas de mulleres de Tomiño (23), Vigo (6), Salceda de Caselas (3) e Tui (2), ademais doutras procedencias.
O traballo do CIM abrangue diferentes situacións e necesidades, desde o acompañamento psicolóxico e a orientación xurídica ata a atención específica ás mulleres que sofren violencia de xénero. O servizo atende tamén outras situacións de vulnerabilidade que precisan apoio e intervención profesional.
Deste xeito, a rexedora tamén destacou o impulso dado ao Centro de Información á Muller coa incorporación dunha directora a tempo completo, unha medida orientada a reforzar o funcionamento do servizo, mellorar a coordinación e ofrecer unha atención máis próxima e continuada ás mulleres vítimas de violencia de xénero
A alcaldesa, Nidia Arévalo, agradeceu a implicación de todos os profesionais e entidades presentes e destacou a importancia de manter unha coordinación permanente entre os distintos recursos para mellorar a detección das situacións de violencia e garantir unha resposta adecuada ás mulleres que precisan axuda.
Arévalo lembrou que este está a ser un ano especialmente duro para Mos tras o asasinato dunha veciña vítima da violencia machista. Un feito que, segundo sinalou, debe reforzar o compromiso colectivo coa prevención, a protección e o acompañamento ás vítimas. A súa memoria estará tamén presente no acto institucional do 25N.
A alcaldesa incidiu en que a violencia de xénero non se manifesta unicamente a través das agresións físicas, senón tamén mediante a violencia psicolóxica, económica e sexual. Por iso, considerou necesario manter unha rede de atención capaz de identificar as diferentes situacións de vulnerabilidade, mesmo cando as mulleres non dan o paso de denunciar.
Programación 25N
A reunión enmárcase na programación municipal do 25N, que este ano incorpora tamén a participación de Marina Marroquí. A educadora social desenvolverá o 2 de decembro dúas actividades en Mos: pola mañá, un obradoiro de sensibilización e detección precoz da violencia de xénero entre adolescentes, que incluirá o monólogo «Eso no es amor»; e ás 18.00 horas, no Centro Cultural de Torroso, unha conferencia aberta ao público sobre educación afectivo-sexual e consumo de pornografía entre menores.
O acto institucional do 25 de novembro celebrarase ás 12.00 horas no Parque dos Multiusos, baixo o lema «Pechemos a porta á violencia de xénero», cunha instalación simbólica dunha porta e unha homenaxe ás vítimas da violencia machista de 2026, con especial atención á vítima de Mos.
Con esta reunión, o Concello de Mos reafirma a súa aposta polo traballo coordinado entre institucións, profesionais e entidades para avanzar na prevención da violencia de xénero e na atención ás mulleres.

