- Nava Castro contou coa presenza do xefe territorial de Educación, da responsable da Unidade Técnica e da empresa adxudicataria para coñecer directamente a situación dos traballos e as incidencias trasladadas pola comunidade educativa.
- A visita permitiu analizar sobre o terreo as filtracións e molestias ocasionadas durante a renovación da cuberta e abordar as medidas necesarias para garantir a seguridade e o normal funcionamento do centro.
- A actuación, promovida pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, atópase na súa fase final e a empresa construtora comprometeuse a extremar as medidas de seguridade e minimizar as molestias ata a súa finalización.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada polo concelleiro de Ensino, Ricardo González, visitou onte o IES Plurilingüe Pedra da Auga para coñecer de primeira man o estado das obras de renovación de parte da cuberta do centro educativo e as incidencias que se están producindo durante a súa execución.
Co obxectivo de realizar unha valoración conxunta da situación e facilitar a procura de solucións, a alcaldesa contou na visita cos responsables da Consellería de Educación, administración competente e promotora da actuación, así como os representantes da empresa encargada da execución dos traballos.
Deste xeito, participaron no encontro o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; a responsable da Unidade Técnica da Consellería; representantes da empresa adxudicataria; o equipo directivo do instituto e a presidenta da ANPA.
Durante a visita, os asistentes percorreron distintas dependencias do centro, entre elas a cafetería e unha das aulas afectadas polas filtracións de auga, e analizaron as incidencias detectadas, así como as medidas necesarias para reducir as molestias ocasionadas ao alumnado e ao profesorado.
Seguimento das obras e medidas de seguridade
No transcurso da reunión, os responsables da Consellería de Educación e da empresa construtora abordaron o estado actual dos traballos, os problemas rexistrados e as actuacións necesarias para completar a intervención nas debidas condicións.
A empresa adxudicataria trasladou o seu compromiso de finalizar os traballos pendentes no menor prazo posible, extremando o cumprimento das medidas de seguridade e prevención de riscos e organizando as actuacións de maneira que interfiran o mínimo posible na actividade lectiva.
Pola súa banda, a alcaldesa destacou a importancia de manter comunicación entre a administración educativa, a dirección do instituto, e a empresa responsable da obra.
«O noso interese é que o alumnado e o profesorado poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles. Por iso consideramos importante reunir no propio centro a todas as partes implicadas, coñecer directamente a situación e contribuír a que se adopten as solucións necesarias», sinalou Cesar Pérez Ares.
A alcaldesa agradeceu a disposición dos responsables da Consellería de Educación para participar na visita e abordar directamente as incidencias, así como a colaboración da dirección do centro e da ANPA.
O Concello de Ponteareas manterase en contacto coa dirección do centro e coa Consellería de Educación para coñecer a evolución dos traballos, dentro do seu compromiso de colaboración institucional e atención ás necesidades dos centros educativos do municipio.

