O Concello de Salvaterra de Miño ven de contratar, a través da subvención da Xunta de Galicia para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, un estudo de situación e usos do mercado de abastos
A praza de abastos de Salvaterra de Miño debe constituír un importante espazo comercial e
social no conxunto do municipio. Non obstante, como acontece en moitas prazas galegas,
enfronta retos vinculados ao relevo xeracional, á competencia doutros formatos comerciais e á
necesidade de adaptación ás novas demandas da cidadanía.
Neste contexto, a realización dunha diagnose integral da situación e usos da praza constitúe
unha actuación de interese estratéxico para o Concello, xa que permitirá:
- Dispoñer dunha radiografía precisa e actualizada do funcionamento da praza e do seu
impacto económico, social e territorial.
- Identificar carencias, fortalezas, ameazas e oportunidades que contribúan á toma de
decisións informadas e realistas para o futuro do espazo.
- Impulsar a modernización, diversificación e dinamización da praza, asegurando a súa
sustentabilidade e adaptabilidade ás novas tendencias de consumo.
- Dar cumprimento aos requisitos previos esixidos pola Xunta de Galicia para a obtención
do Selo de Mercado Excelente, unha distinción que pode actuar como elemento tractor
de melloras e investimentos.
A actuación enmárcase, por tanto, nun momento oportuno e estratéxico, no que o Concello de
Salvaterra de Miño aposta por revitalizar o mercado municipal como motor de comercio de
proximidade, dinamización económica e identidade local.
O obxectivo principal desta proposta é levar a cabo unha diagnose integral e participada da situación actual e dos usos da praza de abastos de Salvaterra de Miño, como paso previo á solicitude e obtención do Selo de Mercado Excelente outorgado pola Xunta de Galicia. Esta diagnose permitirá coñecer en profundidade a realidade do mercado, o seu impacto económico e social, e establecerá as bases para definir actuacións de mellora que garantan a súa adaptación aos requisitos de excelencia establecidos na normativa do Selo de Mercado Excelente.

