A celebración das Festas de Santa Teresita ocasionará cortes e desvíos de tráfico no barrio desde mañá, venres 25, ata o domingo 27 de setembro. O dispositivo deseñado pola Policía Local para garantir a seguridade viaria e o correcto desenvolvemento das actividades prevé estas medidas:
- Cortes de tráfico das rúas Río Xares (intersección con Río Sil) e Río Búbal: o venres e o sábado desde as 18.00 horas e o domingo a partir das 17.00 h.
- Corte de tráfico das rúas Santa Teresita e Río Sil (pechando o acceso de vehículos desde Quintián). Tamén se pechará e modificará o sentido da circulación en Río Avia (entre Río Sil e Río Támega).
- Estas restricións activaranse o venres desde as 19.00 horas, o sábado desde as 18.00 e o domingo desde as 18.00 h. O domingo haberá unha interrupción adicional ás 12.00 a causa da procesión.
A Policía Local lembra que estes horarios teñen carácter referencial e axústanse á programación de actividades. O tráfico reabrirase tan pronto como rematen os eventos e os traballos de limpeza. Con todo, as medidas poderanse manter, adiantar ou ampliar fóra dos treitos previstos se as condicións de montaxe/desmontaxe, a ocupación do solo público ou as esixencias de seguridade o aconsellan. Solicítase aos condutores e veciños máxima colaboración, precaución e atención á sinalización provisional instalada nesta zona da cidade.

