A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 29 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 29 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.

Licenzas e aperturas (6). Concedeu as licenzas de obra para os proxectos de construción de dúas vivendas unifamiliares na estrada de Velle e no Camiño do Muíño (Seixalbo), para a rehabilitación doutra na rúa do Medio (Cabeza de Vaca); e para a construción dunha nave industrial en Outariz, destinada a un novo sistema para a reutilización e diminución sostible de plásticos. Tamén rectificou 2 acordos aprobados nunha sesión anterior.

Patrimonio (3). Resolveu 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial (desestima unha e inadmite outra) e declarou a titularidade municipal dunha franxa de terreo de 537,58 metros cadrados de superficie entre o Parque dos Remedios e a rúa Avilés de Taramancos.

Contratación (3). Adxudicou o contrato para executar as obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na contorna da rúa Rampa de Sas. Serán realizadas pola empresa Prace Servicios y Obras SA, quepresentou a oferta con mellor relación de calidade e prezo, por un importe de 3.331.949,85 €, IVE incluido.

As obras, promovidas polo Concello de Ourense, serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dentro da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (Plan EDIL). Así mesmo, a actuación conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a través do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense.

Tamén acordou a prórroga do contrato dos servizos de acceso a internet de banda ancha para o edificio de La Molinera e aprobou a convalidación da función interventora na adxudicación do contrato mixto das subministracións e servizos integrantes das actuacións necesarias para a implantación dos sistemas de control de tráfico da Zona de Baixas Emisións.

Artes e festexos (1). Aprobou as bases e a convocatoria do procedemento para outorgar a autorización demanial, en réxime de concorrencia, para instalar e explotar unha barra de bar durante a celebración do Halloween 2026 en Ourense.

Avogacía consistorial e asesoría xurídica (13). Deu conta de 4 providencias ditadas polo Tribunal Supremo e de 4 sentenzas (3 dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense e 1 da Audiencia Nacional). Tamén foi informada de que o Concello foi emprazado para comparecer e personarse en calidade de demandado diante dos tribunais do contencioso-administrativo de Ourense en 5 procedementos (4 abreviados e 1 ordinario).

Fóra da orde do día (3).

  • Acordou a resolución dos contratos de execución dos proxectos construtivos da humanización da Avenida de Portugal: tramo 1 (desde a rúa Ervedelo ata a rúa Vila Valencia) e tramo 2 (desde Vila Valencia ata Marcelo Macías). Ambos foran adxudicados no seu día á empresa Obras, Pavimentos e Instalacións Industriais SL, por importe de 2.409.100,70 euros e 2.712.384,16 euros, respectivamente.

O acordo indica que a causa de resolución é o incumprimento da obriga principal do contrato, ao ter abandonado a obra o día 9 de marzo de 2026. Tamén declara expresamente que a causa de resolución implica a culpabilidade da empresa e, en consecuencia, acorda a incautación das garantías prestadas en forma de seguro de caución por ambas as obras (99.549,62 € e 112.084,99 €, respectivamente).

A humanización da Avenida de Portugal é un proxecto financiado parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea (Next Generation EU).

  • Tamén aprobou o proxecto de modificación orzamentaria 3P/2026, utilizando a figura dos suplementos de crédito. Prevé destinar 4.272.728,68 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais a suplementar créditos por importe de 4.138.236,01 € na partida do contrato de xestión do transporte urbano e de 136.492,67 € na de xuros de demora.

A proposta de modificación orzamentaria será elevada ao Pleno da Corporación para a súa aprobación provisional.

Comparte este artigo