“Maricarmen non necesitaba indignación despois do desafiuzamento, necesitaba acción antes”

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Un país no que unha muller de 87 anos sae en padiola da súa casa mentres as administracións discuten de quen era a competencia é un país no que as institucións fracasaron.”

As imaxes dunha muller de 87 anos saíndo en padiola da casa na que viviu durante máis de 70 anos son un insulto a cidadanía española, é o retrato dun fracaso institucional intolerable. Maricarmen foi finalmente desafiuzada este mércores, no cuarto intento de lanzamento, pese á mobilización social e ás diferentes propostas formuladas para intentar evitalo. Maricarmen é só un dos centos de rostros que sufriron os desafiuzamentos nos últimos anos. Detrás de cada cifra hai persoas, familias e vidas que non poden seguir sendo tratadas como simples números.

Queremos recoñecer a unión e solidariedade da veciñanza e do Sindicato de Inquilinas, que trataron ata o último momento de impedir o desafiuzamento de Maricarmen. Fronte ás imaxes de tensión e ás actuacións policiais denunciadas polos concentrados, quedounos tamén outra imaxe: a dunha cidadanía organizada que decidiu non mirar para outro lado.

Desde Avante Ourense sinalamos a responsabilidade política das administracións implicadas. O Goberno de Pedro Sánchez, a Comunidade de Madrid de Isabel Díaz Ayuso e o Concello de Madrid poden seguir intercambiando acusacións, pero o resultado é un: tendo o poder, non fixeron nada por Maricarmen.

Especialmente grave nos parece a posición de Sumar. Forma parte do Goberno de España e agora, cando Maricarmen xa perdeu a súa vivenda, eleva a presión sobre o PSOE e reclama medidas como a expropiación do piso. Maricarmen necesitaba esa presión antes, non cando xa saía da súa casa nunha padiola.

Por iso preguntamos directamente a Sumar: se considera que o Goberno do que forma parte non está facendo o necesario en materia de vivenda, que consecuencias políticas está disposto a asumir? Vai seguir sostendo un
Goberno incapaz de evitar imaxes como as que hoxe ocupan as portadas? Non chega con indignarse despois. Non chega con esixir despois. Gobernar tamén significa actuar a tempo.

Desde Avante Ourense defenderemos tamén no ámbito municipal o reforzo da intervención de Servizos Sociais ante desafiuzamentos, mecanismos de mediación urxente, alternativas habitacionais dignas e un verdadeiro parque público de vivenda.
“Se esta é a política que Sumar e as súas confluencias pretenden trasladar tamén a Ourense, haberá que preguntarse que queda realmente de esquerda nunha política que chega cando o dano xa está feito.” conclue Diéguez

Comparte este artigo