O Goberno local saca adiante unha modificación de crédito para cubrir os desaxustes provocados polas baixas e substitucións de persoal e unha nova ordenanza que permitirá solicitar, de maneira totalmente voluntaria, un vao para protexer os accesos ás vivendas e propiedades
O Concello de Antas de Ulla aprobou no pleno celebrado hoxe dúas medidas de especial importancia para o funcionamento municipal e para a veciñanza: unha modificación de crédito destinada a reforzar a partida de retribucións do persoal municipal e unha nova ordenanza reguladora dos vaos no municipio.
No primeiro caso, a modificación orzamentaria responde aos desaxustes producidos ao longo do exercicio como consecuencia das baixas de persoal que foi necesario cubrir e das correspondentes substitucións, circunstancias que incrementaron o gasto inicialmente previsto nesta partida.
Para facer fronte a esta situación, o Concello empregará recursos procedentes do Fondo de Continxencia, precisamente destinado a responder ante necesidades imprevistas que poidan xurdir durante a execución do orzamento.
A alcaldesa, Pilar García Porto, subliña que a prioridade do Goberno municipal é que estas circunstancias non afecten en ningún caso aos traballadores e traballadoras do Concello.
> “A nosa responsabilidade é prever, actuar e garantir que todos e cada un dos empregados municipais cobren o seu salario con absoluta normalidade. Para iso existen mecanismos orzamentarios como o Fondo de Continxencia e para iso se fai unha xestión responsable dos recursos públicos”, sinala a alcaldesa.
Unha ordenanza de vaos voluntaria para dar máis garantías á veciñanza
O pleno tamén aprobou a creación dunha ordenanza municipal de vaos, unha ferramenta coa que ata o de agora non contaba o Concello e que permitirá que aqueles veciños e veciñas que o desexen poidan solicitar un vao para garantir que os accesos autorizados ás súas vivendas, garaxes ou propiedades permanezan libres de vehículos.
Pilar García Porto quere deixar especialmente claro que a solicitude dun vao será voluntaria.
“Queremos aclaralo porque se están trasladando informacións que poden crear confusión entre a veciñanza: ninguén estará obrigado a solicitar un vao. A ordenanza simplemente crea a posibilidade de facelo para quen queira contar con esa garantía”, explica a alcaldesa.
Así, un veciño ou veciña que non queira solicitar un vao non terá que facelo nin se lle imporá pola entrada en vigor da ordenanza. Pola contra, quen considere que precisa garantir permanentemente o acceso á súa propiedade poderá solicitalo conforme ao procedemento que estableza a nova normativa.
A alcaldesa considera importante ofrecer esta información de maneira clara ante as afirmacións que se están realizando arredor da medida: “O que aprobamos é un novo servizo e unha nova posibilidade para a veciñanza, non unha obriga”.
As dúas propostas saen adiante cos votos do Goberno municipal
Tanto a modificación de crédito destinada ao persoal como a ordenanza reguladora dos vaos foron aprobadas cos votos do Goberno municipal, mentres que os concelleiros do Partido Popular votaron en contra de ambas as propostas.
Desde o Goberno local deféndese que os dous acordos responden a necesidades concretas: por unha banda, garantir os recursos necesarios para facer fronte ás obrigas co persoal municipal e, pola outra, dotar Antas de Ulla dunha regulación que permita á veciñanza solicitar un vao cando considere que o necesita.
“Podemos discrepar politicamente, pero temos a obriga de explicar con claridade o que se aproba no Concello. A modificación de crédito garante as retribucións do persoal e a ordenanza de vaos é voluntaria. Eses son os feitos e queremos que os veciños e veciñas de Antas de Ulla teñan toda a información”, conclúe Pilar García Porto.

