ARBO CONTARÁ CUN CLUB DE LECTURA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
- Concello pon en marcha este novo servizo gratuíto grazas á adhesión ao programa da Xunta de Galicia, ao tempo que estrea unha nova páxina web oficial a través do Ministerio de Cultura.
Arbo, 25 de setembro de 2026 – A Biblioteca Pública Municipal Segundo Gil Dávila de Arbo amplía a súa oferta de servizos culturais coa creación dun Club de Lectura, unha iniciativa deseñada para potenciar o papel deste espazo como axente de dinamización social, fomento do pensamento crítico e encontro interxeracional.
Esta nova actividade ponse en marcha baixo criterios de prudencia orzamentaria e viabilidade técnica, aproveitando os recursos e programas de cooperación técnica e bibliográfica doutras administracións públicas, como é o caso da Xunta de Galicia. A través da adhesión ao servizo de clubs de lectura xestionado pola Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, o Concello contará cun fondo bibliográfico básico común e acceso gratuíto a préstamos centralizados, sen xerar custos adicionais para as arcas municipais nin para os veciños e veciñas.
“A posta en marcha deste club de lectura permítenos dar un salto cualitativo na oferta cultural de Arbo, convertendo a nosa biblioteca nun espazo vivo e dinámico. Apostamos por un modelo de participación activa onde os veciños de todas as idades poidan compartir experiencias, debater e achegarse á lectura dun xeito totalmente gratuíto e sen comprometer os recursos públicos”, sinala o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
O Club de Lectura busca cumprir cunha serie de obxectivos estratéxicos para o municipio, tales como incentivar o encontro interxeracional fomentando a empatía e o intercambio de opinións nun contorno plural entre veciños de diferentes idades; a democratización cultural actuando como un espazo de resistencia analóxica no contexto dixital e facilitando o acceso igualitario ás novidades editoriais; e a fidelización dos usuarios pasando dun modelo de uso pasivo a unha participación comunitaria activa e periódica.
Paralelamente á creación do club de lectura, a Biblioteca Segundo Gil Dávila vén de adherirse ao “Xerador de Sedes Web” do Ministerio de Cultura. Grazas a esta ferramenta institucional e centralizada, a biblioteca disporá dunha páxina web propia que incrementará notablemente a súa visibilidade dixital.
Este novo portal web permitirá proxectar o fondo bibliotecario, os espazos e a axenda de actividades non só a nivel municipal, senón tamén traspasando fronteiras para acadar un alcance e proxección de carácter provincial e autonómico.
“Con esta nova páxina web e o club de lectura situamos a nosa biblioteca na vangarda dos servizos de proximidade. Queremos que a cultura, a lectura e a información local de Arbo estean ao alcance de todos cun só clic, proxectando a nosa riqueza cultural fóra do noso concello”, engade o rexidor, Horacio Gil.
Para máis información e inscrición no club, os interesados deberán dirigirse á Biblioteca ou chamar ao teléfono: 986 66 56 11.

