A Carreira da Ponte ocasionará cortes de tráfico en varias rúas do barrio o domingo pola mañá

Redacción

Francisca Herrera pecharase ás 8.00 horas e o resto das vías do circuíto cortaranse de xeito progresivo a partir das 10.30 horas

O barrio da Ponte acollerá este domingo, 27 de setembro, a sexta carreira do circuíto Correndo por Ourense, que organiza o Consello Municipal de Deportes. A Policía Local establecerá un dispositivo especial de regulación e vixilancia do tráfico para garantir a seguridade dos participantes, peóns e usuarios da vía.

As restricións de circulación comezarán ás 8.00 horas co corte ao tráfico da rúa Francisca Herrera (xunto ao IES 12 de Outubro), onde estará a liña de saída e meta. Este peche previo é necesario para realizar os traballos de montaxe, preparación e loxística da proba.

O resto das rúas do circuíto permanecerán abertas á circulación ata as 10.30 horas. A partir desa hora, procederase ao corte progresivo das vías en función das necesidades organizativas e da evolución do dispositivo de tráfico.

Percorrido da proba:  Francisca Herrera, avenida de Santiago,  Basilio Álvarez (ida e volta), avenida das Caldas, Xosé Antonio Moretón, Ribeiriño, As Caldas, Mercado, Rosalía de Castro, Vicente Risco (ata a rotonda) e Vicente Risco ata a meta en Francisca Herrera. As saídas das diferentes categorías serán ás 11.00, 11.05, 11.15 e 11.30 horas.

Autobuses urbanos. As liñas número 1: Sexto instituto – Barrocás, 2: Covadonga – Barrocás e 3: Santa Cruz – O Cumial seguirán itinerarios alternativos desde as 10.30 h. Máis información: Aviso Correndo por Ourense

Recomendacións. A Policía Local efectuará os cortes e desvíos necesarios, facilitando na medida do posible o acceso ás zonas afectadas. Recoméndase ás persoas condutoras evitar o tránsito con vehículos polas rúas do percorrido, empregar itinerarios alternativos e prestar especial atención á sinalización circunstancial e ás indicacións dos axentes. Do mesmo xeito, solicítase a colaboración e comprensión da veciñanza, especialmente dos residentes e usuarios das vías afectadas, ante estas restricións temporais indispensables para o correcto desenvolvemento da actividade deportiva.

—

Comparte este artigo