A fronte nacionalista pedirá explicacións ao Goberno municipal pola autorización para ocupar cun módulo prefabricado un espazo público catalogado como BIC para comercializar vivendas de luxo
Xabier P. Igrexas: “Non podemos aceptar que Abel Caballero converta un espazo público de enorme valor, no quilómetro cero da cidade, nun escaparate para o urbanismo VIP”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vai solicitar explicacións ao Goberno municipal de Abel Caballero pola instalación dun módulo prefabricado no Paseo de Afonso XII que vai ser utilizado como oficina de comercialización das vivendas da promoción inmobiliaria do Barrio do Cura.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cuestionou que se permita a instalación desta estrutura nun espazo público singular, a carón do antigo quiosco catalogado como elemento patrimonial, diante da balaustrada e dos históricos querubíns, e que ademais tapa parte das vistas do paseo.
“Desde o BNG rexeitamos que se permita á promotora da urbanización VIP do Barrio do Cura utilizar o Paseo de Afonso XII como oficina para comercializar as súas vivendas”, afirmou Igrexas, que reclamará ao Goberno municipal información sobre as condicións e autorizacións que amparan esta ocupación.
Un espazo público para facer negocio privado
A fronte nacionalista considera especialmente cuestionábel esta utilización do Paseo de Afonso XII por tratarse dun ámbito integrado nun espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
“É inaceptábel que se permita a privatización de espazo público, nun espazo tan singular como é o Paseo de Afonso para que unha empresa privada faga negocio con vivendas de luxo, con prezos de até 845 mil euros”, sinalou Igrexas.
O portavoz do BNG considera que a decisión resulta aínda máis difícil de xustificar tendo en conta que a promotora xa dispoñía dunha oficina comercial a poucos metros, nos baixos do antigo edificio Asefal. “Non podemos aceptar que Abel Caballero converta un espazo público de enorme valor, no quilómetro cero da cidade, nun escaparate para o urbanismo VIP”, criticou.
“Alfombra vermella” para os especuladores
Igrexas vinculou esta actuación coa situación de acceso á vivenda que atravesa a cidade e cuestionou que o Goberno municipal facilite a utilización dun espazo público para a promoción de vivendas de prezos elevados mentres, segundo denunciou, continúa sen dar resposta ao problema do acceso social á vivenda.
“É indecente que mentres o Goberno municipal fica de brazos caídos diante da grave emerxencia habitacional que impide o acceso á vivenda á maioría social, poña alfombra vermella ao vello modelo especulativo de urbanismo para as grandes rendas”, afirmou o portavoz municipal do BNG.
A fronte nacionalista reclama así ao Goberno municipal que explique os motivos polos que se autorizou a instalación do módulo e as condicións da ocupación do espazo público, así como que aclare que medidas vai adoptar para garantir a protección e o uso público dun ámbito de especial valor patrimonial.

