Salvaterra de Miño busca conquistar o mercado turístico británico a través do viño

Redacción

Cinco axentes turísticos británicos especializados en enoturismo visitan Salvaterra de Miño para coñecer o Museo da Ciencia do Viño e descubrir a oferta turística do municipio

Salvaterra de Miño continúa avanzando na promoción da súa oferta turística nos mercados internacionais. Esta semana, cinco axentes turísticos británicos especializados en enoturismo, xunto con representantes da Oficina de Turismo de Londres, visitaron o municipio para coñecer de primeira man os seus principais recursos turísticos e explorar novas posibilidades para a creación de experiencias dirixidas ao público anglosaxón.

A visita, promovida pola Ruta do Viño Rías Baixas, permitiu ós profesionais achegarse á oferta turística de Salvaterra de Miño, con especial atención ó Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, un espazo dedicado a divulgar a historia, a cultura e a tradición vitivinícola deste territorio.

Durante a visita guiada, os axentes puideron coñecer as diferentes áreas do museo e descubrir, a través dunha proposta interactiva e divulgativa, a importancia que o viño e a viticultura tiveron ó longo da historia neste concello. O museo preséntase así como un dos principais recursos turísticos do municipio e como un punto de partida para comprender a estreita relación de Salvaterra co mundo do viño.

A xornada contou coa participación da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e de Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, que acompañaron os profesionais durante o seu percorrido e lles presentaron as posibilidades que ofrece o municipio como destino turístico.

Un destino que combina viño, patrimonio e paisaxe

A visita permitiu poñer en valor unha oferta turística que vai máis alá da experiencia enolóxica. O recinto fortificado de Salvaterra, o patrimonio histórico, o río Miño, os espazos naturais, a gastronomía e as tradicións vinculadas ao viño completan unha proposta con capacidade para atraer visitantes interesados en descubrir o territorio desde diferentes perspectivas.

Para Salvaterra de Miño, o contacto con profesionais especializados do mercado británico supón tamén unha oportunidade para dar a coñecer os seus recursos turísticos directamente a quen traballa no deseño e na comercialización de viaxes e experiencias. O obxectivo é identificar novas posibilidades de colaboración e favorecer a incorporación do municipio a futuros itinerarios dirixidos ó visitante internacional.

Con iniciativas como esta, Salvaterra de Miño reforza a súa proxección como destino turístico internacional e continúa traballando na posta en valor dos seus recursos, co Museo da Ciencia do Viño como un dos principais espazos desde os que descubrir a historia, a cultura e a tradición vitivinícola do municipio.

Comparte este artigo