A Xunta e o concello de Mos destinan 155.000 euros á ampliación e mellora da rede de saneamento na parroquia de Louredo

Redacción
  • Esta actuación, coa que se prevé dar servizo ata a 80 habitantes, consiste na execución de 517 metros de nova rede, 19 pozos de rexistro e 10 derivacións para futuras conexións de vivendas no lugar do camiño da Costa Redonda a Arrufana
  • A ampliación da rede forma parte da estratexia da Xunta para completar e mellorar progresivamente o saneamento na conca do Louro, aproveitando a capacidade da depuradora de Guillarei
  • Ángeles Vázquez pon en valor a colaboración entre administracións para sumar recursos e capacidade co fin de impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza e construír un territorio máis resiliente

A Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinan 155.000 euros á ampliación e mellora da rede de saneamento no lugar do camiño da Costa Redonda a Arrufana, na parroquia de Louredo, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor que este convenio exemplifica a colaboración entre a Xunta e o Concello para sumar recursos e capacidade para impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza e, ao mesmo tempo, construír un territorio máis resiliente.

Esta actuación concreta, que financia nun 80% a Xunta e nun 20% o Concello, consiste na execución de 517 metros de nova rede de saneamento, 19 pozos de rexistro e 10 derivacións para futuras acometidas ás que se poidan conectar no futuro máis vivendas. A previsión é que este sistema poida dar servizo ata a 80 habitantes, que sería o dobre da poboación actual.

A rede proxectada, que conta con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), descargará no colector xeral de saneamento do río Louro e o destino as augas residuais será a estación depuradora de Guillarei, localizada no Concello de Tui. De feito, esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para completar e mellorar progresivamente o saneamento na conca do Louro, aproveitando a capacidade da depuradora de Guillarei.

Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou que investir en saneamento significa mellorar os servizos públicos, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.  Por iso, a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

Comparte este artigo