A transformación da N-550 na entrada sur de Arcade, cara a Redondela, contará cun investimento de máis de 436.000 euros e está previsto que as obras se executen ao longo de 2027.
O Concello de Soutomaior vén de recibir a confirmación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible de que o proxecto para a transformación da N-550 na zona da Feira, na entrada sur de Arcade, sairá a licitación neste 2026 e executarase ao longo do 2027.
A actuación, cun investimento inicial superior aos 436.000 euros, permitirá transformar un dos principais accesos a Arcade, mellorando a seguridade viaria, a circulación e a integración desta estrada coa contorna urbana. Segundo a planificación comunicada, as obras están previstas para ser executadas ao longo de 2027.
O proxecto contempla unha transformación do actual tratamento da N-550 neste ámbito, incorporando elementos que permitan unha convivencia máis segura entre o tráfico rodado e os usos urbanos. Entre as actuacións previstas destaca a creación da rotonda da Feira, así como a incorporación de elementos vexetais e espazos destinados a favorecer unha mellor integración da infraestrutura coa contorna, incluíndo un carril bici.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, amosou a súa satisfacción pola confirmación recibida polo Concello e destacou a importancia desta actuación para o futuro de Arcade. “É unha das mellores noticias que podía recibir o noso concello. Hoxe podemos dicir que esta actuación está en marcha e que a transformación da entrada de Arcade será unha realidade. O proxecto está rematado e, nas vindeiras semanas, pasará á fase de licitación, cunha previsión de execución ao longo de 2027”.
O alcalde subliñou que a actuación permitirá abordar unha das principais demandas do Concello respecto deste ámbito da N-550: mellorar a seguridade viaria e adaptar o tratamento dunha estrada de alta capacidade a un espazo no que existe unha importante presenza residencial e urbana. “Levamos máis de dous anos traballando e negociando co Ministerio para conseguir que esta actuación fose posible. Mantivemos reunións co director xeral de Carreteras, Juan Pedro Fernández Palomino, e fomos avanzando ata conseguir que o proxecto chegase ao punto no que se atopa hoxe”, explicou Lourenzo.
O proxecto foi redactado pola empresa Enurcoin e, segundo o Concello, responde á necesidade de transformar progresivamente este acceso para conseguir unha entrada a Arcade máis segura, amable e integrada coa vila.
“Durante estes anos dixéronnos en demasiadas ocasións que era imposible e que nunca conseguiriamos que esta actuación se convertese en realidade. Hoxe recibimos a confirmación de que o proxecto será licitado en 2026. É o resultado de traballar con constancia, esforzo e seriedade”, sinalou o alcalde.
Desde o Goberno local destacan que a actuación permitirá tamén conseguir un tráfico máis fluído e dinámico neste punto da N-550, ao tempo que mellorará as condicións de seguridade para as persoas usuarias da vía.
A rotonda da Feira constitúe así a primeira fase dunha transformación que o Concello considera estratéxica para a entrada sur de Arcade, avanzando cara a un modelo de acceso no que a infraestrutura viaria estea mellor integrada co espazo urbano e coas necesidades da veciñanza.

