O Punto de Información Turística poñerá en marcha unha campaña nas redes sociais para dar a coñecer diferentes lugares de interese do municipio
Con motivo do Día Mundial do Turismo, que se celebra cada 27 de setembro, o Punto de Información Turística de Salvaterra de Miño, situado no Castelo de Dona Urraca, poñerá en marcha unha campaña especial nas redes sociais para mostrar algúns dos principais atractivos do municipio.
Ó longo dos próximos días, diferentes publicacións permitirán coñecer lugares relacionados coa historia, a cultura, a natureza e a tradición de Salvaterra, achegando estes espazos tanto aos visitantes como ós propios veciños.
A campaña incluirá algúns dos recursos máis coñecidos do municipio, como a Fortaleza de Salvaterra e o Castelo de Dona Urraca, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea ou as Termas de Teáns. Tamén se dará visibilidade a outros lugares como o Portal e a Fonte da Inquisición, en Corzáns, a Ponte Medieval da Fillaboa e a Capela do Monte Castelo.
O percorrido completarase con imaxes e contidos sobre o río Miño e outros espazos naturais, así como sobre os recursos relacionados co viño e o termalismo, dous elementos importantes dentro da oferta turística de Salvaterra.
Os contidos difundiranse a través das redes sociais do Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea e do Concello de Salvaterra de Miño, ampliando así o alcance desta iniciativa e facilitando que chegue tanto ao público local como aos potenciais visitantes.
Con esta acción, Salvaterra aproveita o Día Mundial do Turismo para poñer o foco nos seus propios recursos e reivindicar unha forma de viaxar máis próxima, baseada en descubrir o territorio, a súa historia e as súas paisaxes. Unha invitación a facer unha parada, mirar ao redor e descubrir que moitos dos lugares que paga a pena visitar están moito máis preto do que pensamos.

