O BNG denuncia unha “regresión” na Deputación e acusa a López de repartir fondos “a salto de mata” segundo os intereses do PP

Redacción

César Mosquera cuestiona que o goberno provincial aprobe xa a oitava modificación de crédito do ano e critica que Pontevedra estea a sufrir “danos colaterais” pola confrontación co Concello de Vigo

O BNG denunciou hoxe no Pleno da Deputación de Pontevedra unha “regresión” no funcionamento e reparto de fondos da institución provincial e cuestionou que o presidente, Luís López, estea a utilizala para responder a necesidades puntuais dos concellos gobernados polo Partido Popular en lugar de aplicar criterios estables e ecuánimes no reparto dos recursos. O voceiro nacionalista César Mosquera apuntou directamente á dobre condición de López como presidente da Deputación e presidente do PP de Pontevedra: “Eu comprendo que se un é presidente do PP provincial e tamén é presidente da Deputación os límites ás veces dilúense”, sinalou.

Para Mosquera, a institución debería actuar con criterios claros e iguais para todos os concellos e non en función de “quen é cadaquén no Partido (Popular) e de se hai que apagar un incendio aquí ou apagar un incendio alá. O que hai que facer é ter uns criterios moito máis ecuánimes”, afirmou. O deputado do BNG advertiu de que esta dinámica “non é boa para a institución” e mesmo expresou as súas dúbidas sobre que poida resultar positiva para o propio Partido Popular. “Houbo unha regresión con respecto a anteriores mandatos, nada escandaloso visto o que teño visto nesta casa, mais non é bo para a institución e dubido que sexa bo para o Partido Popular”, manifestou.

Mosquera vinculou a arbitrariedade no reparto de fondos e a falta de planificación dos investimentos provinciais coa aprobación no Pleno da oitava modificación de crédito do exercicio, unha por mes salvo en xaneiro. Na súa intervención, considerou “inaudito” que unha administración provincial teña que recorrer a oito modificacións orzamentarias nun mesmo ano para incorporar fondos e financiar novas actuacións.

O voceiro nacionalista defendeu que as modificacións de crédito son unha ferramenta perfectamente normal cando responden a unha planificación, e considerou razoable que unha administración poida aprobar dúas, tres ou mesmo catro ao longo dun exercicio. Porén, cuestionou a frecuencia coa que se está recorrendo a esta fórmula neste mandato. Segundo Mosquera, o alto número evidencia que o Goberno provincial está “a actuar a salto de mata”, buscando “saír do paso” para executar investimentos e actuacións “sen unha folla de ruta suficientemente definida”.

O nacionalista reclamou tamén coherencia ao Partido Popular pola diferenza entre a súa actuación cando está no goberno provincial e as críticas que formula desde a oposición nos concellos. Neste sentido, puxo como exemplo o Concello de Pontevedra e lembrou as críticas do voceiro do PP pontevedrés Rafa Domínguez ás modificacións de crédito municipais, mesmo cando se trata dunha ou dúas ao ano. “Piden unha cousa cando están na oposición e fan exactamente o contrario cando gobernan”, argumentou Mosquera.

Pontevedra paga os danos colaterais da guerra con Vigo

Por outra banda, o voceiro do BNG denunciou que o Concello de Pontevedra está a sufrir “danos colaterais” pola confrontación que o goberno provincial mantén co Concello de Vigo. Mosquera referiuse especificamente ao cambio nas condicións dos convenios da Deputación con ambos os dous concellos e asegurou que ao Concello de Pontevedra estánselle a impor novas esixencias que considera alleas á natureza das actuacións financiadas.

Entre as condicións cuestionadas polo BNG están a esixencia de utilizar a cor institucional da Deputación nos carteis das obras -mesmo cando é o Concello quen promove e adxudica a actuación-, así como a pretensión de revisar os elementos informativos que se publiquen sobre os proxectos e a esixencia de realizar actos públicos de sinatura dos convenios ademais da súa formalización electrónica. “Non chega cos recortes, tamén nos poñen as mesmas condicións de Vigo. Estanos a rebotar en Pontevedra sen comelo e sen bebelo”, afirmou Mosquera, quen destacou que Pontevedra recibiu un apercibimento porque el mesmo contestou unha pregunta dun medio de comunicación sobre unha obra e finalmente a prensa non reflexou que era unha actuación cofinanciada.

O voceiro nacionalista sinalou que o persoal técnico municipal advertiu de que algunhas destas condicións eran “fóra de lugar”. Relatou tamén que cando o Concello de Pontevedra preguntou pola razón destes cambios a Deputación argumentou inicialmente que se trataba de novas condicións aplicables a todos os concellos, algo do que se retractou posteriormente, recoñecendo que estaban relacionadas coa situación de confrontación co Concello de Vigo. “Están inventando condicións para liala, parece que só por tocar as narices”, criticou Mosquera, asegurando que é un erro político por parte do PP a decisión de abrir unha guerra nestes termos co alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao considerar que “é o campión nesas guerras”.

Dedicación exclusiva de Rafa Domínguez

Finalmente, Mosquera referiuse á aprobación da dedicación exclusiva de Rafa Domínguez, cunha retribución anual de 74.157,57 euros. O voceiro do BNG explicou que o Bloque mantén habitualmente unha posición de abstención nos acordos das retribucións, ao entender que os gobernos deben contar cos medios necesarios para desenvolver correctamente as súas responsabilidades. “É algo xustificado”, afirmou.

Porén, cuestionou as declaracións públicas de Domínguez sobre a finalidade da súa dedicación exclusiva, ao considerar que o propio vicepresidente vinculou a súa actividade coa carreira á Alcaldía de Pontevedra. “É a primeira vez que alguén que vai cobrar unha exclusiva provincial declara publicamente que non é para dedicarse á Deputación, ou a impulsar as obras en Santa Clara ou no Museo (…), senón que abertamente di que é para facer campaña electoral”, criticou Mosquera. O voceiro nacionalista empregou a ironía: “Que ‘lumbrera’ pode dicir estas cousas?”, dixo, engadindo que “se cadra dirá que o que cobra é tamén un investimento para Pontevedra”. “É inaudito”, subliñou.

Mosquera aproveitou así para volver cuestionar o discurso do PP sobre os investimentos da Deputación na cidade de Pontevedra, que cualificou ironicamente de “contas do Gran Capitán” por incluír como investimentos para o Concello e a cidade gastos ordinarios de funcionamento administrativo e dos propios edificios e instalacións provinciais.

Comparte este artigo