O concello da Guarda reforza o chamamento a un uso responsable da auga tras a activación da prealerta por escaseza

Redacción
  • Augas de Galicia activou o escenario de prealerta ou escaseza moderada na Costa de Pontevedra ante a evolución dos indicadores de dispoñibilidade de auga

A Guarda, 25 de setembro do 2026 – O Concello da Guarda fai un novo chamamento á responsabilidade da veciñanza para realizar un uso responsable e eficiente da auga da traída, tras a activación por parte de Augas de Galicia do escenario de prealerta ou escaseza moderada na unidade territorial de escaseza 02 – Costa de Pontevedra, na que se integra o municipio da Guarda.

O escenario de prealerta constitúe unha situación preventiva dentro do Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, que establece diferentes niveis en función da evolución da dispoñibilidade dos recursos hídricos. Neste momento, o Concello considera fundamental reforzar as medidas de aforro, coa colaboración de toda a veciñanza. Por iso, recoméndase:

  • Evitar o enchido ou renovación de auga de piscinas con auga da rede municipal.
  • Non empregar auga potable para a limpeza de patios, terrazas ou vehículos.
  • Evitar a rega de xardíns e espazos privados con auga da traída.
  • Facer un uso eficiente da auga en todas as tarefas domésticas.

Cada litro de auga aforrado contribúe a preservar os recursos dispoñibles e a garantir a capacidade do sistema de abastecemento, especialmente ante a evolución que poida experimentar a situación nos próximos meses.

Dende o Concello da Guarda agradécese de antemán a colaboración de todos os veciños e veciñas e recoméndase aplicar medidas de aforro de auga como unha actuación preventiva ante a situación de prealerta activada.

Comparte este artigo