A Xunta pon en valor os 15 proxectos finalista dos Premios do Comercio galego 2026

Redacción
  • Na gala que terá lugar o próximo 27 de outubro en Santiago de Compostela, a mercería coruñesa La Crisálida, o obradoiro artesanal verinés Pato Joyeros e Embutidos Lalinenses optarán ao Premio Comercio Galego, dotado con 5.000 euros
  • Tamén cunha dotación de 5.000 euros, poden recibir o Premio Comercio Dinamización o Centro Comercial Aberto Ourense Centro, o do barrio vigués das Travesas (Aetravi) e a Asociación de comercio, hostalería e turismo de Vilagarcía de Arousa (Zona Aberta)
  • Mentres, ao Premio Comercio Emprende (3.000 euros) concorren a tenda de roupa pontevedresa Trulock The Shop, o proxecto artesán vigués A Casa Rodante e a bueuense Óptica Divergente 
  • Canto ao Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros), a terna de finalistas está conformada pola firma ourensá Bermello Electrodomésticos, a viveirense Óscar Joyeros e Alonso Carnicería, de Salceda de Caselas
  •  
  • Por último, poden facerse co Premio Comercio Sostible (3.000 euros) a arteixá A despensa que pensa, a asociación de autónomos de Tomiño (Adeto) e a rede de tendas de moda circular Revistt, con locais na Coruña, Santiago, Ferrol e Arteixo

A Xunta dá a coñecer os proxectos finalistas dos Premios do Comercio Galego 2026, que se entregarán o próximo 27 de outubro en Santiago de Compostela co fin de recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Encádranse en cinco categorías: Premio Comercio Galego, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Dinamización, tamén cunha contía de 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende, distinguido con outros 3.000 euros; e Premio Comercio Sostible, con 3.000 euros máis.

No caso do Premio Comercio Galego, recoñécese o establecemento que exemplifique os valores do comercio local cun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos. Así, resultaron finalistas a mercería coruñesa La Crisálida, por transformar un comercio tradicional nacido en 1942 nun proxecto de alcance internacional a través da combinación de tenda física, comercio electrónico, formación e contido en redes sociais. Tamén o obradoiro artesanal verinés Pato Joyeros, que desde as súas orixes en 1946 nun edificio de pedra do século XIX conxuga as técnicas de xoiería tradicionais co deseño 3D, a economía circular ou o seu formato rodante, con creacións e personalizacións de pezas en directo. Por último, Embutidos Lalinenses —xurdido en 1949 e coa terceira xeración familiar á fronte— compatibiliza na actualidade a venda física e electrónica de produtos cárnicos coa súa Gastroteca, que acolle formación e catas, entre outras actividades.

Canto ao Premio Comercio Dinamización, salienta a mellor iniciativa de dinamización comercial dos últimos tres anos (2024-2026) co obxectivo de incrementar as vendas e clientela potencial. Así, poden recibir o galardón o Centro Comercial Aberto Ourense Centro pola súa campaña Fashion night, que combinou —na súa undécima edición celebrada este ano— comercio, hostalaría, cultura, música, danza e gastronomía, implicando diferentes sectores da cidade. Tamén o CCA do barrio vigués das Travesas (Aetravi), pola acción O meu barrio, o meu estilo, orientada principalmente á mocidade para implicala no comercio local e na súa posta en valor a través das redes sociais; e a Asociación de comercio, hostalería e turismo de Vilagarcía de Arousa (Zona Aberta) pola campaña Que fai isto aquí?, un concurso radiofónico no que se debían identificar obxectos intrusos nos escaparates de comercios locais co gallo de fidelizar a clientela.

Sobre o Premio Comercio Emprende, recoñece o establecemento impulsado por xente nova que ofreza unha experiencia de compra diferenciada. Nese senso, pode facerse co galardón a tenda de roupa pontevedresa Trulock The Shop, que ofrece pezas para as distintas xeracións incluídos deseños de marca propia, ademais de complementos realizados por artesás galegas. Tamén A Casa Rodante, con tenda en liña e física en Vigo impulsada pola Asociación de familiares de persoas con parálise cerebral, na que se reúne o traballo artesán e sostible realizado nos obradoiros ocupacionais da asociación, promovendo así o carácter emprendedor das persoas con discapacidade. Por último, a bueuense Óptica Divergente tamén combina venda en liña e física avogando por unha estética contemporánea e por acontecementos comerciais, lanzamentos de produto e conceptos creativos propios.

O Premio Comercio Traxectoria destaca iniciativas cunha traxectoria consolidada que crean un vínculo especial coas súas respectivas contornas. Neste caso, concorren a firma ourensá Bermello Electrodomésticos, fundada en 1936 e propietaria actualmente de tres tendas e un almacén, con venda física e en liña de produtos que inclúen a súa marca propia Solthermic. Tamén Óscar Joyeros, coa terceira xeración á fronte desde a súa inauguración en Viveiro en 1985, con tenda e obradoiro artesán; e Alonso Carnicería, de Salceda de Caselas, cuxos inicios se remontan a 1890 e que combina a venda na praza de abastos coa dispoñible a través da internet, coa quinta xeración familiar ao cargo.

Por último, os finalistas do Premio Comercio Sostible son a arteixá A despensa que pensa, que distribúe produtos a granel promovendo a orixe de proximidade e de proxectos sociais e de inclusión, o uso de envases reutilizables e de sistemas retornables e a organización de actividades para concienciar a cidadanía. Tamén a Asociación de autónomos do comercio, a hostalería e a industria de Tomiño (Adeto) pola súa campaña Ecorresponsables, que utiliza a rede de comercio local para promover cambios nos hábitos de consumo da cidadanía; e a rede de tendas de moda circular promovida por Insertega Revistt, con locais na Coruña, Santiago, Ferrol e Arteixo onde traballan persoas con discapacidade co gallo de reforzar o compromiso social e laboral do proxecto.

Comparte este artigo