A actuación de restauración e posta en valor do porto norte inclúe un novo aparcadoiro disuasorio e a conexión das sendas costeiras
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración das actuacións de restauración e posta en valor do porto norte e do novo aparcadoiro disuasorio da Guarda, executadas no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) A Guarda, financiado con fondos NextGenerationEU.
A acción contou cun investimento de 305.000 euros destinados á recuperación do porto norte, o aparcadoiro disuasorio e a conexión das sendas costeiras. Xosé Merelles destacou que “os traballos permitiron mellorar a mobilidade peonil e ciclista, recuperar ambientalmente o espazo con vexetación autóctona e renovar pavimentos, drenaxe, iluminación, sinalización e mobiliario urbano”.
O novo aparcadoiro disuasorio contribuirá a reducir o tráfico e ordenar os fluxos turísticos na contorna do porto e do Monte Santa Trega, mentres que a mellora das conexións peonís e ciclistas facilita o acceso á Senda Litoral e á Ruta das Cetáreas. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia puxo en valor que “esta intervención exemplifica a aposta da Xunta por compatibilizar a actividade turística coa protección do territorio, mellorando a mobilidade e poñendo en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da Guarda”.
O PSTD A Guarda conta cun investimento global de 1M€ e articúlase en catro eixos orientados á transición verde e sostible, á mobilidade sostible, á transformación dixital e á mellora da competitividade turística del destino.

