O BNG de Poio sinala que todos os documentos oficiais confirman as súas denuncias sobre o ‘taxazo’ da auga: o recibo subirá un mínimo do 75,4% en tres anos

Redacción

Marga Caldas advirte de que o goberno de Moldes aprobará mañá a licitación da concesión “hipotecando as economías das familias durante 25 anos”

As subas quedan en mans da empresa xa dende o segundo exercicio

O BNG de Poio advertiu hoxe de que os diferentes documentos oficiais que forman parte do expediente da nova concesión da auga están a dar a razón ás denuncias que o Bloque leva realizando desde o primeiro momento sobre o ‘taxazo’ da auga: o informe de Intervención incluído no expediente confirma tamén que o recibo sufrirá unha suba media do 30% no primeiro ano e un incremento acumulado dun mínimo do 75,4% no terceiro ano de aplicación.

A voceira do BNG Marga Caldas subliña que “non é o BNG quen está a facer estimacións nin a buscar cifras para alarmar á veciñanza: son os propios documentos oficiais do Concello os que están a confirmar, un tras outro, as denuncias que fixemos”. Neste sentido, lembra que o estudo económico xa evidenciara as fortes subidas sobre todo na parte correspondente ao saneamento e que agora o informe de Intervención confirma o impacto global que terá o novo sistema sobre o global do recibo. “O PP tentou minimizar as nosas denuncias, pero cada documento que se incorpora ao expediente dá máis razón ao que estamos a dicir”, sinala Caldas.

O Bloque subliña que o goberno de Moldes pretende aprobar mañá en Pleno o inicio da licitación do contrato para a xestión indirecta do abastecemento de auga potable e da rede de sumidoiros mediante unha concesión por 25 anos. Segundo o informe de Intervención, o primeiro ano aplicarase unha suba media do 30% e no terceiro unha segunda suba do 34,96% sobre a tarifa xa incrementada, facendo que a suba acumulada sexa do 75,4%.

Así, un recibo de 20 euros pasará a 26 euros no primeiro ano e a 35,09 euros no terceiro; un recibo de 40 euros pasará a 52 e 70,18 euros, respectivamente; e un recibo de 60 euros chegará aos 78 euros no primeiro ano e aos 105,27 euros no terceiro. “Estamos a falar dun incremento moi importante, que no caso dun recibo de 40 euros significa acabar pagando máis de 30 euros adicionais. E isto non é unha hipótese do BNG: é o que recolle o expediente municipal”, apunta a nacionalista.

A situación é especialmente preocupante, segundo Caldas, porque as subidas previstas non rematan no terceiro ano. A partir do segundo exercicio, o recibo poderá variar en función dunha fórmula de revisión de prezos establecida no contrato, vinculada, entre outros factores, á evolución de custos como a electricidade necesaria para o bombeo ou o prezo da auga adquirida en alta. “Este tipo de fórmulas cárgaas o diaño. Este goberno estanos a hipotecar dunha maneira que será dificilmente sostible”, salienta a voceira nacionalista.

O BNG advirte ademais dunha cuestión fundamental: unha vez adxudicada a concesión, será a empresa concesionaria a encargada de xestionar e cobrar o servizo, polo que a capacidade do Concello para decidir sobre a evolución económica do recibo quedará fortemente condicionada polo propio contrato.

A voceira nacionalista lembra que a suba do recibo xa fora advertida no estudo económico denunciado en outubro do ano pasado. No caso do saneamento, ese documento sinalaba que o custo medio da parte de sumidoiros pasará dos 15,32 euros de 2023 aos 21,53 euros no primeiro ano que se aplique a subida, un 60% máis, e aos 31,21 euros no terceiro, un 103% máis. Nas vivendas con pozos, a subida chega ao 92% no primeiro ano e ao 179% no terceiro.

Para o BNG, estes datos desmontan definitivamente o intento do goberno de Moldes de presentar a nova tarifa como unha simple actualización do recibo. “Non estamos ante unha pequena modificación, senón ante unha subida moi importante, con novas cotas, incrementos sucesivos e unha fórmula de revisión que pode seguir elevando o recibo. E todo isto cunha concesión de 25 anos pola que a veciñanza vai quedar ligada a este modelo durante décadas”, sinala Caldas.

O BNG lembra que presentou alegacións para eliminar e modificar as novas cotas e incorporar bonificacións para reducir o impacto sobre as familias, propostas que o goberno do PP non aceptou. “Non inclúen posibles descontos de ningún tipo a pesares de que todos os documentos oficiais están a dar a razón ao BNG: a suba será terrible para a veciñanza. Primeiro foi o estudo económico, que puxo cifras ás subidas do saneamento; agora é o informe de Intervención o que confirma o incremento global do recibo. O PP non pode esconderse detrás de explicacións ou xogos de números: os datos do propio Concello deixan claro o ‘sablazo’ que se vai producir”, conclúe Caldas.

Comparte este artigo