- O Auditorio Municipal Reveriano Soutullo acolleu la entrega de galardóns aos distinguidos desta segunda edición.
- A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, ensalzaron o orgullo e o capital humano da vila.
O Auditorio Municipal Reveriano Soutullo vestiuse de gala o pasado sábado para acoller a gran Gala dos Premios Menina Sarmiento – Persoas Ponteareás Distinguidas 2026. A través destes galardóns, o goberno de Ponteareas rende homenaxe pública ás persoas, entidades e colectivos cuxo traballo, talento e compromiso diario contribúen de xeito decisivo ao progreso, benestar e identidade do municipio. Ademais do equipo de goberno, o acto contou coa presenza de Pablo Fernández, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, e María Luisa Piñeiro, directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Lorena Fernández, subdirectora da ONCE en Vigo e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, ademais do numeroso público asistente emotiva Gala.
A denominación destes premios honra a memoria de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, a ponteareá inmortalizada polo pintor Diego Velázquez no seu soado cadro As Meninas, converténdose así nun símbolo do patrimonio histórico e cultural do municipio. Durante o evento, os distinguidos deste ano recibiron un diploma acreditativo e unha peza conmemorativa exclusiva.
O acto comezou coa actuación musical do cuarteto “Dextrum Emsemble”, unha mostra do bo facer e a calidade profesional e humana. Un anticipo do que sería esta segunda edición da Gala, na que recibiron os Premios Menina Sarmiento – Persoas Ponteareás Distinguidas 2026, a Sociedade Deportiva Xuvenil de Ponteareas en Deportes, a Asociación Adapta en Compromiso Social, Ainoa Posada Altolaguirre (ciclista de Pump Track) como Nova Promesa, Mónica Carrera Mouriño en Investigación, Bopapel, S.L. en Empresa e Innovación, os Obradoiros de Gaitas de Ponteareas en Cultura (Gaitas Gil e Jesús Represas), Pablo Martín Fernández Suárez en Inclusión, Eleuterio “Terio” Carrera Amil na categoría de Embaixada de Ponteareas, e os Irmáns Barcia Boente (José, Benito e Xeneroso Barcia Boente) en Emigración/Aveciñamento. Así mesmo, a administración local outorgou unha Mención especial e extraordinaria a D. Nemesio Boente Tenda, como un merecido recoñecemento honorífico á súa intachable dedicación, compromiso e contribución no ámbito sanitario así como pola súa implicación no movemento veciñal.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, puxo de manifestó no acto que “a cultura e a identidade de Ponteareas non son elementos estáticos que se gardan nun museo, son enerxía viva. Con estes galardóns non só honramos o noso patrimonio histórico, senón que escribimos unha páxina nova grazas aos premiados, que son o noso mellor escaparate, os embaixadores do orgullo ponteareán e a proba de que con paixón e esforzo non existen límites”.
Pola súa banda, a alcadesa de Ponteareas, Nava Castro, recordou na súa intervención que “o verdadeiro motor de Ponteareas, a súa verdadeira riqueza, son as persoas. Estes Premios Menina Sarmiento naceron co obxectivo de ser un espello onde recoñecernos como unha comunidade forte, solidaria e creativa que demostra o noso lema de que ‘facemos comunidade xuntos’. Os distinguidos estades a trascender na nosa historia a través de actos reais, sendo referentes necesarios para construír unha Ponteareas máis próspera, máis xusta e máis visible”.

