- Ángeles Vázquez salienta que esta renovación do parque móbil facilitará as tarefas de inspección, control e conservación do patrimonio natural, así como os desprazamentos por pistas forestais, terreos agrestes e zonas de difícil acceso
- Os novos vehículos, que supoñen un investimento de máis de 640.000 euros, son 11 pick-ups e 5 SUV 4×4 e están destinados aos servizos de Patrimonio Natural das catro provincias e ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na entrega de 16 vehículos aos axentes ambientais e a persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para mellorar a súa mobilidade e a súa capacidade de vixilancia e intervención no territorio.
Tal e como explicou a conselleira, esta renovación do parque móbil -que supón un investimento de máis de 640.000 euros- facilitará as tarefas de vixilancia, inspección, control e conservación do patrimonio natural, así como os desprazamentos por pistas forestais, terreos agrestes e zonas de difícil acceso.
En concreto, Ángeles Vázquez indicou que os novos vehículos son 11 pick-ups e 5 SUV 4×4 e están destinados aos servizos de Patrimonio Natural das catro provincias e ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Entre as súas principais características cómpre indicar a súa capacidade para circular por pistas forestais e zonas agrestes ou de difícil acceso e tracción 4×4 nos vehículos SUV e capacidades todoterreo adaptadas ao traballo de campo.
Estas incorporacións dan continuidade ao esforzo que vén realizando nos últimos anos a Consellería de Medio Ambiente e cambio Climático para modernizar os medios cos que traballa o persoal de Patrimonio Natural. De feito, desde 2019 incorporáronse 267 vehículos a este servizo.
A conselleira puxo en valor o compromiso do Goberno galego por garantir a protección e conservación da riqueza natural da Comunidade e incidiu en que un aspecto fundamental é dotar aos profesionais que traballan nesa materia dos mellores medios materiais posibles.
Así mesmo, no marco desa aposta polo coidado do patrimonio natural galego, a conselleira salientou a posta en marcha da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (UICON) co obxectivo de ofrecer unha resposta rápida, especializada e coordinada ante situacións de especial complexidade na protección da biodiversidade.
Esta unidade, que complementa o traballo que desenvolven os axentes ambientais, ten como principais funcións a loita contra o furtivismo e o uso ilegal de velenos; a investigación de infraccións contra a fauna; o control de especies exóticas invasoras e do tráfico ilegal de especies amparadas pola Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES); a vixilancia en materia de caza e pesca continental, e actuacións ante emerxencias de fauna.

