O Concello de Oia reforza a promoción turística do municipio con novas actuacións financiadas polo PSTD Oia Natural

Redacción

O Concello de Oia consolidou durante a tempada estival un conxunto de actuacións estratéxicas incluídas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino – Oia Natural, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no marco dos fondos europeos NextGenerationEU. Estas intervencións, executadas nos meses previos e xa plenamente operativas ao inicio do verán, permitiron modernizar a comunicación turística municipal, reforzar o posicionamento do destino e mellorar a difusión do patrimonio cultural e natural de Oia.

Entre as actuacións realizadas destaca a posta en marcha da nova plataforma web turística municipal e dos perfís oficiais en Instagram e Facebook, que comezaron a funcionar antes da chegada da tempada alta e se converteron en instrumento para a promoción do destino durante o verán. A web, accesible en turismo.concellodeoia.es, ofrece unha imaxe renovada e adaptada aos estándares actuais de accesibilidade e navegación, integrando unha guía turística interactiva, mapa xeorreferenciado e contidos audiovisuais propios. A actuación incluíu tamén a creación dunha nova base de material fotográfico e de vídeos turísticos sobre os principais elementos de interese do municipio, un recurso imprescindible para mellorar a calidade da comunicación institucional e que permitiu dotar ao Concello de Oia de contidos actualizados, coherentes e profesionais, dos que anteriormente carecía.

Xunto coa modernización dixital, Oia avanzou no seu posicionamento como Destino Turístico Starlight, aproveitando a certificación obtida en 2025 e o interese xerado polo eclipse solar do 12 de agosto de 2026. Nos meses previos á época estival completouse o deseño dun folleto turístico específico que pon en valor a calidade dos ceos nocturnos do municipio e os seus sete miradoiros de observación, así como a creación dun microsite dedicado —starlight.concellodeoia.es— que reúne información divulgativa, recursos interactivos e recomendacións para a observación astronómica. Ademais, elaborouse un plan de marketing turístico que define a estratexia de posicionamento dixital e o calendario de efemérides astronómicas. Todo este conxunto de materiais e accións foi difundido intensamente durante o verán, acompañando a chegada de visitantes atraídos pola certificación Starlight e polo eclipse.

A promoción turística completouse coa produción dun vídeo principal e de varios microvídeos temáticos sobre os principais recursos patrimoniais do municipio, centrados no Monasterio de Santa María de Oia, os castros, as salinas de Mougás e os petroglifos da Serra da Groba.

Co conxunto destas actuacións, Oia deu un paso decisivo na consolidación dun modelo turístico sostible, baseado na protección do patrimonio, na valorización dos recursos naturais e culturais e na modernización da comunicación municipal

Comparte este artigo