Miguel Fernández presentará á veciñanza e a súa estratexia de cidade

Redacción

O portavoz socialista iniciará cun pequeno acto o vindeiro xoves a partir das 19.30 horas na Milagrosa unha rolda de encontros cos barrios para explicar o proxecto e recoller directamente as demandas e propostas da cidadanía e explicar os proxectos estréxicos para a vindeira década

A estratexia pretende ofrecer unha visión integral de Lugo, conectando cuestións como a vivenda, os servizos públicos, os coidados, a mobilidade, os barrios, o rural, o medio ambiente, o patrimonio, a actividade económica, a cultura ou o deporte baixo unha mesma idea de cidade


Fernández percorrerá nos próximos meses todo o municipio para dialogar co tecido veciñal, social, económico, cultural e deportivo e incorporar as súas achegas ao proxecto de cidade

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, presentará publicamente á veciñanza e á sociedade civil de Lugo a súa estratexia de cidade “Lugo para os próximos 10 anos”, nun acto que terá lugar o vindeiro xoves, día 1, ás 19.30 horas, na praza da Milagrosa.
O encontro suporá tamén o punto de partida dunha ampla rolda de reunións e visitas que Miguel Fernández desenvolverá nos próximos meses polos distintos barrios e parroquias do municipio, co obxectivo de coñecer directamente as necesidades da cidadanía, escoitar as propostas do tecido asociativo e explicar as principais liñas do seu proxecto de cidade.
“Queremos percorrer cada recuncho do municipio, estar cos veciños e veciñas, escoitar as súas demandas e explicarlles tamén cal é a nosa visión para o futuro de Lugo. Un proxecto de cidade non se pode facer desde un despacho: ten que construírse coa xente que vive, traballa e desenvolve aquí a súa vida”, sinalou Fernández.
A presentación contará coa presenza de representantes do tecido veciñal, social, económico, cultural e deportivo da cidade, ademais de veciños e veciñas interesados en coñecer de primeira man esta proposta estratéxica.
Esta iniciativa parte dunha idea sinxela: ofrecer unha visión de futuro para a cidade, capaz de conectar as necesidades actuais da cidadanía cos grandes retos que Lugo deberá afrontar durante a próxima década.
A estratexia Lugo10 pretende ofrecer unha visión integral de Lugo, conectando cuestións como a vivenda, os servizos públicos, os coidados, a mobilidade, os barrios, o rural, o medio ambiente, o patrimonio, a actividade económica, a cultura ou o deporte baixo unha mesma idea de cidade.
“Non queremos presentar unha suma de obras ou unha colección de anuncios. Queremos explicar unha maneira de entender Lugo e, sobre todo, unha maneira de gobernar: con planificación, con datos, con diálogo e poñendo sempre por diante o tempo e a vida das persoas”, explicou o portavoz socialista.
A estratexia incorpora tamén unha mirada específica ao rural, partindo do principio de que as 54 parroquias forman parte esencial de Lugo e deben participar igualmente deste proxecto de futuro.
Para Miguel Fernández, a presentación do xoves será “o primeiro paso dun proceso moito máis amplo”. Tan importante vomo contar o que queremos facer e escoitar para enriquecer este proxecto vivo.Imos ilusionar, sumar talento e dar solucións para que a trsnfromación da nosa cidade non se deteña”, afirmou.
Neste sentido, Fernández avanzou que nos próximos meses manterá encontros con asociacións veciñais, entidades sociais, colectivos culturais e deportivos, representantes do ámbito económico e empresarial e outros sectores da sociedade civil, ademais de percorrer os diferentes barrios e parroquias.
“Lugo ten diante unha oportunidade para pensar en grande e decidir que cidade queremos ser nos próximos dez anos. Temos patrimonio, temos barrios, temos rural, temos talento e temos capacidade. Agora necesitamos unha visión compartida e proxectos concretos que permitan avanzar”, afirmou.
O portavoz socialista convidou finalmente á cidadanía a participar no primeiro encontro da Milagrosa. “Este proxecto nace da experiencia e da escoita activa. Queremos que sexa unha proposta aberta, na que todo o mundo que teña algo que achegar á cidade atope un espazo para facelo. Porque o futuro de Lugo para a próxima década non se pode decidir sen contar coa súa xente”, concluíu.

Comparte este artigo