A rede municipal rexistrou 25.881 viaxeiros máis que a semana anterior
“A gratuidade funciona”, conclúe o goberno municipal, que aprecia que o aumento sería moito maior se o servizo fose de balde durante todo o ano
Os autobuses urbanos na cidade de Ourense aumentaron un 20% o seu número de usuarios durante a celebración da Semana da Mobilidade (do 16 ao 22 de setembro), período no que as viaxes no transporte público municipal foron gratuítas.
Os datos facilitados pola empresa concesionaria da rede de transporte da cidade poñen de manifesto que a gratuidade do servizo impulsou a mobilidade en bus con respecto ás xornadas habituais. En cifras absolutas, a rede ourensá sumou un total de 25.881 viaxeiros máis durante estes sete días en comparación coa semana anterior de pago (do 9 ao 15 de setembro de 2026).
Así mesmo, a comparativa coa edición anterior da Semana da Mobilidade amosa unha tendencia á alza no uso do transporte colectivo. Durante a campaña deste ano contabilizáronse 16.913 validacións máis que no mesmo período de 2025.
Valoración do goberno municipal
“A gratuidade funciona”, aseguran desde o goberno municipal, que valora de forma moi positiva estes datos: “Hai un incremento moi significativo do número de viaxeiros durante a semana en que o servizo é gratuíto”.
Neste sentido, dende o goberno sinalan que “se en só unha semana se produce un aumento do 20% do número de viaxeiros, se a gratuidade se estendese durante máis tempo habería moitísima máis afluencia de usuarios, posiblemente do 40%”. Con todo, o goberno local lembra que para establecer unha gratuidade permanente sería necesario ampliar previamente a frota de autobuses da cidade.

