O Concello lembra a importancia de recoller os excrementos das mascotas e de limpar os ouriños, especialmente en zonas de uso infantil
O Concello de Soutomaior considera que a limpeza e o coidado dos espazos públicos deben ser unha prioridade e anuncia o inicio dunha campaña destinada a previr e controlar comportamentos incívicos relacionados coa presenza de excrementos e ouriños de mascotas nas rúas e espazos públicos do municipio.
Dende o Concello destacan que a gran maioría das persoas propietarias de animais actúa de maneira responsable, recollendo os excrementos e procurando manter limpas as zonas polas que pasean coas súas mascotas. Porén, existe unha minoría que non cumpre con estas obrigas, unha situación que provoca que determinadas rúas e espazos públicos permanezan sucios e que pode xerar problemas de salubridade, especialmente preocupantes en lugares como os parques infantís.
Por este motivo, o Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración da veciñanza e lembra que, cando se saia a pasear coas mascotas, é necesario levar sempre bolsas para recoller os excrementos e líquido ou auga suficiente para limpar os ouriños que poidan quedar na vía pública ou noutros espazos de uso común.
A campaña terá tamén unha vertente de control e vixilancia destas condutas incívicas, co obxectivo de reforzar o cumprimento das normas de convivencia e evitar situacións que prexudiquen ao conxunto da veciñanza.
Desde o Concello sinalan que manter limpos os espazos públicos é unha responsabilidade compartida e que a colaboración cidadá resulta fundamental para conseguir un Soutomaior máis coidado, seguro e agradable para todas e todos.
O Concello de Soutomaior anima así a toda a veciñanza a colaborar e a actuar con responsabilidade para que as rúas, prazas, parques e demais espazos públicos estean limpos e poidan ser desfrutados por todas as persoas nas mellores condicións.

