O concello de Salvaterra de Miño volve a solicitar a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) as axudas para recuperación da memoria democrática

Redacción

O Concello de Salvaterra de Miño en colaboración coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña volve a solicitar as axudas para a recuperación de memoria democrática a través da FEMP co fin de seguir coa exhumación na fosa do cemiterio de Chan da Ponte, contemplando tres posibles novos escenarios.

A raíz da escavación arqueolóxica realizada en xullo deste ano polo doutor Fernando Serrulla e Breogán Arqueoloxía, a través desta mesma liña de axuda solicitada polo Concello na campaña de 2026, que deu como resultado a localización dos restos dunha persoa que puidera ser Delfín Rey Sánchez ou, como parece máis probable, David Mariño López. Localizados os familiares dos citados, serán as probas de identificación a través de ADN as que poñan luz sobre este enigma; e a disxuntiva de escenarios posibles onde localizar a fosa das persoas enterradas en 1936 e 1937 (Bernardo Bernárdez Martinez, un descoñecido e, tal vez, Delfín Rey Sánchez), unha vez desbotada a superficie que rodea a sala de autopsias queda reducida á parte sobre a que se construíu esa sala posteriormente a 1936.

Non obstante, novas recollas de memoria oral, realizadas entre a afluencia de veciñanza durante os días da exhumación e entre a familia de Bernardo Bernárdez Martínez, indicaban tamén un escenario alternativo a carón do muro do cemiterio “católico” na súa parte suroeste, inmediato ao propio Cemiterio Civil. Algúns testemuños lembraban a colocación de ramos de flores nese espazo. Por outra banda, Antón Lorenzo aportaba da memoria do seu pai a posible localización no exterior do cemiterio civil pero situada na parte norte, por ese motivo pretendese facer unha nova actuación que contempla 3 posibles novos escenarios.

Comparte este artigo