O Concello colaborou coas comisións de San Roque de Camos, San Mamede de Priegue, Panxón, Santiago e Santa Anta de Parada, San Francisco de Vilariño, e a do polbo nas Angustias
O Concello de Nigrán ven de conceder un total de 18.550 € a seis comisións de festas que solicitaron axudas para poder levar adiante cadanseu evento patronal neste ano 2026. A maiores, o Concello outorgou outros 15.381 € a 7 entidades de diversa índole para a organización de diferentes actividades festivas. Ambas axudas suman un total de 33.391 € que se corrresponden coas subvencións que cada ano convoca a administración local destinadas as actividades festeiras.
“Tendo en conta o difícil que é que se formen comisións de festas precisamente polo gran traballo que supón a recadación de cartos, desde o Concello hai anos que amosamos o noso compromiso de máxima colaboración mediante estas subvencións”, explica o alcalde, Juan González, quen reitera o compromiso do goberno local con todos os colectivos do municipio, “que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais, deportivas ou festeiras”, ao tempo que recoñece o seu “traballo desinteresado na promoción de todos estes aspectos que fan comunidade e que xeran un Nigrán máis amable para as persoas”.
En concreto, as comisións de San Roque de Camos, San Mamede de Priegue, San Xoan de Panxón, Santiago e Santa Anta de Parada, San Francisco de Vilariño, e a do polbo nas Angustias recibirán un total de 18.550 € como subvención ás festas patronais, e outras entidades como as asociacións veciñais de Camos e Panxón, distintas ANPAS (Vilariño, Camos, Favalmi, Lembranza, Humberto Juanes), Luzenza-Ateneo de Nigrán, Centro Cultural Parada do Miñor recibirán un total de 15.381 € para organizar as súas festas, como poden ser as de fin de curso nos colexios públicos ou gastronómicas, etc.
A maiores, outras 7 asociacións recibiron 5.961 € pola súa actividade de fomento do asociacionismo, entre elas Centro Juan María Asociación La Esperanza Valle Miñor ou a asociación de veciños de Priegue ou Monteferro.

