A Guarda celebra esta fin de semana a Festa Cultural Gastronómica no Parque do Monte Torroso

Redacción
  • A programación da celebración organizada pola Comunidade de Montes de Salcidos combina escultura en pedra, artesanía, música en directo e gastronomía, con actividades para todos os públicos durante o sábado 3 e o domingo 4 de outubro

A Comunidade de Montes de Salcidos prepara para esta fin de semana unha nova edición da Festa Cultural Gastronómica do Parque do Monte Torroso, que se celebrará o sábado 3 e o domingo 4 de outubro.

A proposta reúne nun mesmo espazo cultura, artesanía, música e gastronomía, cunha programación pensada para gozar en familia e que terá como protagonistas diferentes manifestacións artísticas, actuacións musicais e a gastronomía popular.

As actividades comezarán o sábado 3 de outubro ás 10:00 horas, coa celebración do 2º Concurso de Escultura en Pedra, no que participarán varios dos mellores escultores de Galicia. A entrega de premios está prevista para as 18:00 horas.

A programación musical da primeira xornada continuará ás 19:00 horas, coa actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas de Tui. Posteriormente, a partir das 20:00 horas, será a quenda do rock dos anos 80 da man do Grupo QuédeQué.

Durante toda a xornada do sábado haberá tamén animación musical, comida e bebida a prezos populares, completando unha proposta que busca combinar o encontro veciñal coa posta en valor da cultura e da gastronomía.

A actividade continuará o domingo 4 de outubro, a partir das 10:00 horas, cunha talla en madeira con motoserra, a cargo do artista Marcos Escudero, que ofrecerá ao público unha demostración en directo desta singular disciplina artística.

Ás 18:00 horas actuará o Trío Luetto, mentres que ás 19:00 horas chegará a música folk con Os Ventos do Miño de Guillarei.

A gastronomía volverá ter un papel destacado durante a xornada do domingo, dando continuidade á proposta do día anterior e contando como prato estrela co porco ó espeto.

Dende a organización sinalan tamén que o recinto estará cuberto por unha carpa, garantindo o desenvolvemento das actividades con independencia das condicións meteorolóxicas. Ademais, haberá inchables para os máis pequenos e unha ampla zona de aparcamento, facilitando así a asistencia de público familiar.

Comparte este artigo