A Xunta destaca o papel dos graduados sociais na resolución dos conflictos laborais

Redacción
  • O director xeral de xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración da VI Xornada Laboralista de Pontevedra, organizada polo Colexio de Graduados Sociais
  • Defendeu a necesidade da formación continua para facilitar a adaptación dos profesionais ás novas ferramentas dixitais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración da VI Xornada Laboralista de Pontevedra, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, onde destacou o papel destes profesionais na procura de acordos e na resolución dos conflitos laborais, así como a importancia da formación continua para afrontar os cambios normativos e tecnolóxicos que afectan ao ámbito xurídico.

Tronchoni salientou o valor do diálogo, da negociación e do pacto, tanto no ámbito da xurisdición social como a través da negociación colectiva e dos acordos laborais. Neste sentido, recoñeceu o traballo dos graduados sociais como unha peza esencial da xustiza social e destacou a súa contribución á resolución dos conflitos e á paz social.

O director xeral incidiu na necesidade de manter unha formación continua para facilitar a actualización dos profesionais ante a constante evolución da normativa e da xurisprudencia. Neste contexto, salientou o impacto da intelixencia artificial no ámbito xurídico e as posibilidades que ofrece para transformar a forma de traballar dos profesionais e da propia Administración de Xustiza. A automatización de tarefas, a análise de grandes volumes de información e a mellora da investigación xurídica son algunhas das aplicacións que poden contribuír a axilizar procesos e facilitar o traballo dos operadores xurídicos.

Nesta liña, apuntou que a incorporación das novas tecnoloxías debe ir acompañada das infraestruturas e ferramentas necesarias para reducir tempos e cargas de traballo e avanzar cara a unha Administración de Xustiza máis áxil e eficaz. A formación dos profesionais resulta tamén fundamental para aproveitar estas novas ferramentas e afrontar os cambios que introduce a transformación dixital.

Como exemplo desta evolución, Tronchoni referiuse ás novidades introducidas pola Lei orgánica 1/2025 na práctica da proba nos xuízos laborais, con novas disposicións sobre a achega de probas documentais e periciais e os prazos e condicións para a súa admisión.

Durante a súa intervención, Tronchoni fixo tamén unha chamada a prestar atención ás condicións nas que se desenvolve a actividade profesional e á súa incidencia no benestar das persoas traballadoras.

Comparte este artigo