Carballo ensina a contar a ciencia: dos laboratorios ás redes sociais

Redacción

Luis Fraga, Manuel Rey e Yeray Folgar impartirán o 29 de decembro unha formación en divulgación e comunicación científica organizada pola Concellaría de Innovación no marco do proxecto europeo TALK0

Como explicar unha investigación complexa nunha entrevista? Como traducir a linguaxe científica para que resulte comprensible sen perder rigor? E por onde empezar á hora de divulgar ciencia nas redes sociais? Estas son algunhas das cuestións que abordará a xornada de formación en comunicación científica que se celebrará en Carballo o martes 29 de decembro, a partir das 10.00 horas, dentro da programación do proxecto Talento quilómetro cero, TALK0.

A iniciativa está dirixida a persoal investigador de Carballo, universidades e centros de investigación, e ten como principal obxectivo ofrecerlle ferramentas prácticas para mellorar as súas habilidades de comunicación e divulgación e facilitar que o coñecemento científico chegue á sociedade dunha maneira máis clara, accesible e eficaz. As persoas interesadas poden inscribirse xa en carballo.gal.

A formación contará coa participación de Luis Fraga, Manuel Rey e Yeray Folgar, que abordarán a comunicación científica desde tres perspectivas complementarias: a relación cos medios de comunicación, a adaptación da linguaxe científica ao público xeral e a divulgación a través das redes sociais.

A xornada arrancará ás 10.00 horas coa benvida e presentación. Dez minutos despois, Luis Fraga conducirá unha primeira sesión baseada no role-play, na que as persoas participantes se enfrontarán a simulacións de situacións reais cos medios de comunicación. O obxectivo será practicar entrevistas e intervencións públicas nun contexto formativo e identificar claves para transmitir as mensaxes de maneira clara e efectiva.

Ás 10.40 horas, Manuel Rey impartirá a sesión Claves para comunicar ciencia, centrada en como achegar conceptos, resultados e terminoloxía científica a públicos non especializados sen renunciar ao rigor nin á precisión.

Tras unha pausa para o café, ás 11.50 horas será a quenda de Yeray Folgar, coa sesión Divulgar nas redes sociais, por onde comezo? A formación ofrecerá unha primeira aproximación á comunicación científica nestas plataformas, atendendo tanto á necesidade de divulgar con rigor e crear comunidade como á exposición pública que implica a presenza nas redes.

A recta final da xornada volverá estar a cargo de Luis Fraga, que ás 12.40 horas abordará Como contar a miña investigación aos medios, cunha sesión orientada a facilitar a relación entre persoal investigador e profesionais da información.

O peche da xornada, que se celebrará no Fórum Carballo, está previsto para as 13.00 horas.

Programa
• 10.00 h | Benvida e presentación da xornada
• 10.10 h | Luis Fraga: sesión de role-play con medios de comunicación
• 10.40 h | Manuel Rey: Claves para comunicar ciencia
• 11.30 h | Pausa de café
• 11.50 h | Yeray Folgar: Divulgar nas redes sociais, por onde comezo?
• 12.40 h | Luis Fraga: Como contar a miña investigación aos medios
• 13.00 h | Peche da xornada
• 13.10 h | Final da formación

A actividade enmárcase no proxecto TALK0, financiado polas accións Marie Skłodowska-Curie da Unión Europea, unha iniciativa de divulgación científica coa que Carballo pretende reforzar a conexión entre ciencia, empresa e sociedade, promover a cultura científica e favorecer unha maior participación cidadá no coñecemento e na investigación.

Comparte este artigo