O concello de Salvaterra de Miño e AFAGA avanzan nos talleres específicos de “O Lar da Memoria” para persoas con demencia

Redacción

A iniciativa, que comezará a desenvolverse o vindeiro ano, ofrecerá actividades de estimulación cognitiva e funcional adaptadas ás necesidades das persoas participantes.

Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, o Concello de Salvaterra de Miño mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) para avanzar na planificación do traballo que se desenvolverá no “Lar da Memoria” de Salvaterra de Miño.

O encontro serviu para concretar os próximos pasos para a posta en marcha, a partir do vindeiro ano, de talleres específicos dirixidos a persoas con demencia, nos que se traballarán aspectos relacionados coa estimulación cognitiva e funcional, adaptando as actividades ás capacidades e necesidades das persoas participantes.

Esta nova programación dará continuidade ao traballo que o Concello de Salvaterra de Miño e AFAGA veñen impulsando no Centro Social do Maior de Leirado, convertido no «Lar da Memoria», un espazo pensado para ofrecer atención, actividades e acompañamento ás persoas afectadas por procesos de deterioro cognitivo e ás súas familias.

O obxectivo é que o centro sexa un espazo activo, accesible e próximo, no que se favoreza o mantemento das capacidades cognitivas, a autonomía, a socialización e o benestar das persoas participantes, ao tempo que se facilita ás familias información, asesoramento e recursos de apoio.

Desde o Concello destacan a importancia de continuar fortalecendo a colaboración con AFAGA e de impulsar, desde o ámbito local, programas de prevención, atención e promoción da saúde cognitiva, especialmente nunha contorna rural onde a proximidade dos recursos resulta fundamental.

As persoas interesadas en recibir información sobre os talleres e sobre os servizos que se desenvolverán no «Lar da Memoria» poden contactar con AFAGA no teléfono 986 229 797 ou a través do correo electrónico afaga@afaga.com.

Comparte este artigo